O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convocan o certame “Conectando Xeracións coa tecnoloxía”, tres concursos de creación de contidos audiovisuais ou tecnolóxicos para fomentar a conexión entre xeracións, especialmente entre netos e avós aínda que non será necesario que exista un vínculo familiar entre os participantes.
A iniciativa ter como obxecto principal o uso de diferentes ferramentas ou soportes tecnolóxicos que permitiron e permiten manter en contacto a persoas maiores cos seus netos, sobre todo en situacións nas que non é posible estar fisicamente preto e o teñen que facer de modo virtual, ademais de procurar a ruptura da brecha xeracional.
Os proxectos poderanse presentar en tres categorías: vídeos curtos dun máximo de tres minutos, musical e audioblog, creados de forma conxunta entre nenos e avós nos que poderán contar unha anécdota, unha historia do pasado ou calquera outra cuestión creativa que lles xorda, é dicir, a temática será aberta. O prazo de presentación dos proxectos finalizará o 20 de outubro.
A dotación do premio é de dúas tablets de 10 pulgadas para cada unha das categorías do concurso. O xurado estará composto por cinco membros da xunta de goberno do CPEIG, o seu presidente, o secretario e tres vogais. O fallo publicarase no portal do colexio profesional, https://www.cpeig.gal/, e nas súas redes sociais (Facebook e Twitter: @CPEIG).
Os proxectos poderanse compartir a través de calquera ferramenta de transferencia de arquivos tipo Wetransfer ou Dropbox, facendo o envío ao correo electrónico conectandoxeracions@cpeig.gal, indicando no asunto “Premio Concectando Xeracións + categoría escollida”.
Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración entre o CPEIG e a Amtega para a posta en marcha de actividades para o fomento da sociedade dixital.