Dispositivos móbiles na educación

Foron o agasallo de moda nas pasadas festas de nadal, aínda que con certa contención, por causa dos seus altos prezos e da grave crise na que estamos inmersos. O caso é que os dispositivos móbiles en xeral, e os coñecidos como tablets en particular, irromperon no mercado con moita forza e, hoxe, a súa implantación continúa acelerándose. Toca polo tanto facerse as preguntas sensatas correspondentes: ¿Trátase dunha moda dixital máis, ou realmente viñeron para quedarse? ¿Podemos quitarlles partido nas aulas? ¿Poden chegar a ser unha ponte entre as aulas e os fogares? ¿Poden chegar a ser ferramentas de utilidade na atención á diversidade? As respostas que están a chegar de diferentes ámbitos son positivas e contundentes. Polo tanto cómpre destripar esta realidade e intuír o proveito que lle podemos quitar.