E-Dixgal: Educación Dixital

E-Dixgal: Educación Dixital
Imaxe
Portada EDIXGAL

Desde o ano 2010, vense desenvolvendo o Proxecto Abalar, coma unha iniciativa para transformar a aula tradicional nunha aula dixital, coa implicación de toda a comunidade educativa: pais, nais, titores/as legais, docentes, alumnado. Para conseguilo, Abalar proporciona aos centros e á comunidade educativa os seguintes elementos:

- Conectividade e equipamento.

- Espazos virtuais de traballo e contidos dixitais.

- Accións de formación e difusión para docentes e familias.

- Canles de participación, para docentes e familias, a través de espazos web, app e ferramentas.

Dado que Abalar é unha iniciativa viva, ofrece unha educación completamente dixital para aulas de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º a 4º de Educación Secundaria Obrigatoria, grazas á iniciativa de educación dixital E-Dixgal.

Imaxe
Documento E-DIXGAL

Neste documento móstrase unha visión xeral de E-Dixgal, abordando os aspectos máis destacables deste proxecto enmarcado dentro da Estratexia Educación Dixital 2030 da Xunta de Galicia.

 

O alumnado, profesorado e familias participantes nesta iniciativa dispoñen dunha serie de elementos, que lles permiten desenvolver un ensino dixital: aulas dixitais, equipamento de alumnado e profesorado de uso persoal, entorno virtual de aprendizaxe, variedade de contidos dixitais, programas de formación, ferramentas de intercomunicación e colaboración.

Nos centros educativos, o alumnado e o profesorado traballa nas aulas dixitais. Son aulas que dispoñen dun panel dixital interactivo, dun equipo para o profesor, e dun equipo para cada alumno. Ademais as aulas contan con conexión WIFI para que o alumnado e profesorado poida acceder aos contidos dixitais e seguir a actividade educativa na aula desde o seu equipo.

Ademais, profesorado e alumnado dos centros implicados desenvolven a súa actividade educativa diaria nun entorno virtual de aprendizaxe que lles vai permitir acceder a contidos dixitais para 5º e 6º de primaria e 1º e 4º de ESO do seguintes provedores: Edebé, Netex, aulaPlaneta e Pearson, os do Repositorio de contidos educativos dixitais, ao que os centros teñen acceso a través do espazoAbalar (con máis de 4.000 recursos educativos dixitais complementarios en diferentes idiomas), e os que o profesorado poida crear, seleccionar ou engadir. Estes recursos permiten aos docentes elaborar a súa propia mochila dixital.

O acceso á plataforma virtual de aprendizaxe é posible a través de calquera equipo con conexión a internet, empregando as credenciais de acceso que lle serán facilitadas ao alumnado no centro. Para acceder a plataforma, e desenvolver as actividades educativas, o alumnado participante no proxecto ten dereito a un netbook (ordenador portátil) na modalidade de cesión de uso, para uso persoal e educativo. Este equipo é proporcionado polo seu centro, unha vez asinado polo pai/nai/titor legal un formulario de cesión de uso.

A utilización do ordenador portátil e das ferramentas e contidos dixitais instalados no mesmo é gratuíta para o alumnado. As familias comprométense a que o alumnado realice un uso axeitado do equipamento, ao coidado dun equipo informático en réxime de cesión, que poderá ser usado noutros cursos por outros alumnos, e a unha utilización vinculada á actividade educativa para a que é cedido.

O alumnado pode acceder ao material seleccionado polo profesorado tanto a través dunha conexión a internet (modo online) como desde o seu netbook (modo offline). Deste xeito, garántese que os alumnos e as alumnas que non dispoñan de conexión a Internet desde as súas casas, poidan seguir o curso sen dificultade. De feito, todo o avance que realicen sen conexión será actualizado de maneira automática na plataforma en canto o netbook volva ter conexión de rede.

O desenvolvemento desta iniciativa implica a formación do profesorado e do alumnado. Neste sentido, desde o comezo de cada curso, teñen á súa disposición no Servizo de formación do profesorado, cursos en diferentes modalidades, orientados a cada un dos perfís docentes sobre o uso e vantaxes da plataforma.