Introdución

Introdución
Imaxe
abalinux

abalinux

Con esta distribución da Maqueta Abalar Libre (ABALINUX) preténdese estender e dar continuidade á maqueta que inicialmente estaba destinada aos equipos informáticos das aulas do proxecto Abalar e actualmente tamén aos equipos informáticos do proxecto e-DIXGAL, coa intención de facilitar a instalación do mesmo sistema operativo e as mesmas aplicacións en calquera dos equipos dos centros educativos de Galicia e/ou en calquera ordenador persoal do usuario.

Esta maqueta Abalar libre (ABALINUX) presenta, entre outras, as seguintes vantaxes:

  • Un sistema operativo lixeiro e rápido.
    Os requerimentos de hardware para correr esta maqueta son moito menos esixentes que os equivalentes en sistemas operativos Windows.
     
  • Libre e gratuíto.
    Desaparece a problemática das licenzas de uso e instalación tanto para os sistemas operativos como para as aplicacións, xa que toda a maqueta está construída con software libre e gratuíto.
     
  • Un sistema operativo seguro.
    Deixan de ser unha preocupación os habituais problemas causados polos virus informáticos e o malware tan típicos dos sistemas operativos Windows.
     
  • Robusto e fiable.
    A gran robustez e fiabilidade do sistema operativo Debian facilita en gran medida o seu mantemento e actualización.
     
  • Facilidade de actualización.
    Unha das aplicacións dispoñibles para a maqueta Abalar libre é o Actualizador Abalar que facilita en gran medida o mantemento do equipo mediante unha actualización desatendida dun gran número de aplicacións integradas na maqueta.
Imaxe
debian

 

O software libre na educación

O uso do software libre na educación posibilita que tanto o profesorado como o alumnado poidan dispoñer libremente nos seus domicilios do mesmo software co que traballan no seu centro educativo, xa que o software libre permite copiarse e distribuírse libremente.

O software libre está baseado en estándares internacionais abertos e libres, polo que ensinar con software libre implica ensinar e aprender a usar a tecnoloxía e non un produto concreto dunha determinada marca.

A liberdade de uso do software libre permítenos cambiar de software en calquera momento e tantas veces como sexa necesario sen que isto represente necesariamente ningún desembolso económico. Neste sentido, o uso de software libre tamén crea usuarios e profesionais independentes dun determinado entorno de software.

O software libre permite entender o seu funcionamento, modificalo, melloralo e adaptalo ás nosas necesidades.

 

Imaxe
GNU