Espazos

Un ano máis, celébrase o Encontro CIBER.gal, o evento de referencia do ecosistema da ciberseguridade en Galicia. Nesta quinta edición do Encontro, convídase ao seu centro educativo a participar na segunda metade do Bloque de Cidadanía o día 7 de novembro na Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, entre as 12:50h e as 14:15h.
Esta parte da xornada está especialmente deseñada para achegar a ciberseguridade ao alumnado de 3º e 4º da ESO e Bacharelato, nun entorno ameno, práctico e inspirador.
Durante a sesión, o alumnado poderá:
- Escoitar a un hacker ético, bicampión mundial, contar o seu día a día.
- Coñecer historias persoais e profesionais sobre o traballo en ciberseguridade dunha das adestradoras da selección española de ciberseguridade.
- Reflexionar, da man dun panel de expertos, sobre a construción de espazos dixitais libres de violencia de xénero.
Adicionalmente, desenvolveranse as Experiencias Stand e Roadshow de INCIBE, que contan con actividades lúdicas e formativas en ciberseguridade para o alumnado.
No caso de que o seu centro educativo estea interesado en asistir o 7 de novembro á segunda metade do Bloque de Cidadanía, con ou sen participación nas Experiencias INCIBE, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) financia de forma gratuíta o transporte para acudir ao evento, suxeito ás seguintes condicións:
- Os autobuses deben ir cubertos cun mínimo do 85% das prazas (máx. 50 prazas por autobús).
- A concesión de prazas para asistir ao evento e a disposición do autobús seguirá unha orde estrita de solicitude ata cubrir o aforo e/ou autobuses dispoñibles, priorizando aqueles centros educativos participantes no programa "Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais" convocado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en colaboración coa Amtega.
- O alumnado deberá asistir á totalidade da segunda metade do Bloque de Cidadanía (12:50h a 14:15h).
- O alumnado non poderá asistir á primeira parte do Bloque de Cidadanía (de 10:00 a 12:15h), xa que está dirixida a un público de menor idade. No caso de solicitalo, poderá participar durante ese horario nas Experiencias INCIBE ou programar a súa chegada directamente ao inicio da segunda metade do Bloque de Cidadanía.
Se está interesado/a en asistir á segunda metade do Bloque de Cidadanía, complementando ou non coas Experiencias INCIBE, por favor comunique a inscricions-encontrocibergal@xunta.gal os seguintes datos antes do venres 24 de outubro:
- Nome do centro
- Clase
- Contacto do/a titor/a
- Autobús para desprazamento ida e volta (Si/Non)
- Número de prazas para o autobús (no caso de solicitalo)
- Interese en acudir ás Experiencias INCIBE (Si/Non)
- A información completa do evento está dispoñible aquí