
O Repositorio de Contidos de EepazoAbalar e a plataforma EVA veñen de incorporar novos contidos da iniciativa DIXIT: tres recursos na área de Mátemáticas e dous para a materia de Biloxía e Xeoloxía.
Así, as iniciativas de Matemáticas oriéntanse á aprendizaxe visual e manipulativa das matemáticas. A propia manipulación de regletas e figuras 3D afianza o coñecemento e permite a interiorización de algoritmos e conceptos matemáticos complexos.
As regletas dixitais están orientadas á aprendizaxe de conceptos matemáticos abstractos a través da manipulación. Os seus bloques e actividades facilitan a incorporación progresiva de coñecementos matemáticos de distintos niveis. Actualmente están dispoñibles no catálogo os bloques de “Familiarización” e “Sumas e restas”. Amplíase esta iniciativa con dous novos bloques de contido:
Sumas e restas con unidades, decenas e centenas: coa incorporación dun taboleiro dinámico para descompoñer as unidades, decenas e centenas en tres columnas, mellorando a visualización para traballar cálculo. Cada columna outorga un valor posicional ás regletas e automatiza o seu movemento dunha a outra segundo a operación que se estea realizando.
Multiplicación: dedicado á comprensión e practica de múltiplos dun número, conceptos como dobre e triplo, multiplicacións de varios números, mcm.
Ademáis, engádese una novo recurso para Matemáticas: o Laboratorio de xeometría 3D. Está orientado ao estudo da xeometría no espazo cun enfoque dinámico de visualización e manipulación de figuras en 3D. Favorece o desenvolvemento da visión espacial mediante a experimentación e o descubrimento, algo crucial para o alumnado de 2ºESO, polo que se inclúen dúas vías de aprendizaxe diferenciadas: unha primeira dirixida á adquisición de coñecemento e organización de figuras por familias e unha segunda, o modo construción, modalidade máis creativa que fomenta a aplicación do coñecemento a través da creación combinatoria de figuras.
Por outra parte, as iniciativas de Bioloxía e Xeoloxía promoven o desenvolvemento do pensamento crítico, a través de experiencias que lles fagan sentir como verdadeiros científicos, aprendendo ciencia de forma activa para desenvolver a súa capacidade crítica e reflexiva.
Neste sentido, publícase un novo Snack experiment dedicado á unidade de xeoloxía, completando con el as 6 unidades de Bioloxía de 1ºESO. Do mesmo xeito que no resto de snacks experiment, os alumnos aprenden de forma sinxela un experimento e aplican de forma guiada o método científico que lles permite sacar conclusións por eles mesmos. Neste snack aprenderán a preparar un medidor de ph para diferenciar entre unha substancia aceda ou básica a primeira ollada, cun cambio de cor. A diferenza dos anteriores, este snack experiment ofrece unha experiencia adaptativa coa posibilidade de elixir entre distintos camiños que axustan o contido segundo a decisión do alumno.
Complétase a unidade de ecosistemas cun novo contido que ofrece unha alternativa interactiva para a aprendizaxe dos ecosistemas e as relacións das especies nunha rede trófica. Ao longo do material, os alumnos aprenderán como é o medio no que viven e as súas relacións nunha rede trófica, estudando ecosistemas próximos distribuídos pola comunidade galega. Esta iniciativa está actualmente en construción, en breve estará dispoñible o primeiro material dedicado ao ecosistema “charcas intermareales” que integra unha fase final na que o alumno, aplicando o método científico á observación de variables dependentes e independentes que afectan o ecosistema, así como á interpretación de gráficos, poderá extraer conclusións e verificar as súas hipóteses previas.
O obxectivo de DIXIT, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Educación, é aproveitar as capacidades técnicas e innovadoras dos sectores tecnolóxico e audiovisual e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego, tendo en conta as súas necesidades, para incrementar a oferta de recursos dixitais dispoñibles para a comunidade educativa galega.
Está prevista a creación de novos contidos para estas e outras materias (linguas estranxeiras, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Física y Química, etc.) que empregarán as tecnoloxías máis avanzadas.