Espazos
Nun momento no que a tecnoloxía e a innovación dixital están a transformar a sociedade, resulta fundamental visibilizar referentes femininas que axuden a romper estereotipos e a abrir novos camiños cara ao futuro.
Este vídeo inclúe unha entrevista a Uxía Romero Martínez, Xefa do Departamento de Innovación Dixital e Intelixencia Artificial da AMTEGA, realizada por Elsa, alumna de 11 anos do CEIP da Ramallosa. Elsa achégase ao mundo da enxeñaría e da tecnoloxía para comprender mellor en que consiste esta profesión e cal é o seu impacto na sociedade.
Ao longo da entrevista, Uxía explica que a enxeñaría non é só unha titulación, senón unha forma de pensar e de afrontar retos, baseada na resolución eficiente de problemas e no traballo en equipo. Comparte tamén a súa traxectoria persoal, marcada pola influencia de referentes próximos como a súa avoa, animándoa a explorar ámbitos tradicionalmente asociados aos homes.
A súa experiencia profesional reflicte unha carreira diversa e chea de aprendizaxes, na que o liderado, a adaptación e a capacidade de innovación xogan un papel fundamental. Na actualidade, desde a AMTEGA, traballa impulsando a innovación dixital tanto na administración pública como no tecido empresarial e na sociedade, participando tamén en iniciativas creativas para achegar a tecnoloxía á mocidade, como o deseño de stickers protagonizadas por nenas que fomentan as vocacións STEM.
Este encontro permite reflexionar sobre o papel das mulleres na tecnoloxía e sobre a necesidade de fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas entre as máis novas. Porque non hai límites nin camiños predefinidos, e cada nena pode construír o seu propio futuro.