Espazos
Desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional informamos da publicación da convocatoria do programa educativo «Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade», unha iniciativa en colaboración coa Amtega dirixida ás familias do alumnado.
Este programa busca ofrecer ás nais e pais recursos prácticos para acompañar aos seus fillos e fillas no uso seguro das tecnoloxías, previr riscos en liña, protexer a privacidade e a seguridade en redes sociais, videoxogos e dispositivos móbiles, e fomentar hábitos saudables de conexión e descanso.
O programa contempla a realización de 250 obradoiros presenciais, de aproximadamente unha hora e media de duración, impartidos por persoal especialista da Amtega, que se celebrarán nos centros educativos galegos entre decembro de 2025 e xuño de 2026.
Solicitudes:
Os centros interesados en participar deberán enviar a súa solicitude ao correo electrónico: asesoria.participacioneducativa@edu.xunta.gal indicando no asunto «Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade» e achegando o Anexo debidamente cumprimentado.
Para a súa organización, concretaranse as datas e os horarios entre unha persoa representante da asociación de nais e pais do centro educativo e a Amtega.
Prazo:
O período de presentación de solicitudes finalizará o vindeiro martes, 25 de novembro. As prazas adxudicaranse por orde de chegada ata completar as 250 dispoñibles.
Agradecemos de antemán a súa colaboración na difusión desta información á ANPA do seu centro para facilitar a participación das familias nesta iniciativa.
