Tecnólog@ por un día: aberto o periodo de inscrición

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha a décimo terceira edición do Programa Tecnólog@ por un día, que ofrece a estudantes de entre 12 e 17 anos a oportunidade de experimentar unha visita inmersiva durante unha xornada laboral nos centros de traballo da Amtega e empresas tecnolóxicas que colaboran coa iniciativa desta volta: DXC, NTT Data, Altia, Satec, Quobis e Bahía Software.

Tecnólog@ por un día é unha actividade lúdico-formativa na que o alumnado visita os centros de traballo das empresas TIC colaboradoras durante unha xornada laboral, permitíndolles achegarse en primeira persoa aos proxectos reais que se están desenvolvendo nas compañías da man do seu persoal experto. Con esta iniciativa, búscase fomentar o interese dos mozos nos estudos científico-tecnolóxicos, mellorando a súa visión sobre as profesións e perfís dixitais, e resolvendo as súas inquietudes vocacionais.

O período de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de outubro de 2025.

O alumnado inscrito optará a unha das 46 prazas ofertadas, distribuídas en dous grupos de idade: 12 a 14 e 15 a 17 anos. A asignación de prazas realizarase mediante sorteo público.

As solicitudes de inscrición realízanse dende os centros educativos a través do seu persoal docente, cumprimentando o formulario dispoñible no espazo web DigiTalent, no que deberá subir a autorización de participación asinada polos pais/nais/titores legais do alumnado interesado en participar.

A documentación de referencia que recolle o detalle do programa está dispoñible para consulta e descarga na seguinte ligazón: https://digitalent.xunta.gal/es/iniciativa/tecnólog-por-un-día. Neste espazo atopará os manuais dixitais da actividade para docentes e alumnado, que conteñen información xeral e preguntas frecuentes sobre o programa.

Imaxe
Tecnólog@ por un día