Aberto o prazo de inscrición para os Webinars sobre as novas tendencias tecnolóxicas para centros

O catálogo DigiTalent segue a impulsar actuacións co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os/as máis novos/as co desenvolvemento das seguintes iniciativas de xaneiro a marzo do 2022:

  • Webinars TransformaTech Sessions: No mes de marzo arrinca o programa de webinars liderado pola Amtega, con sesións dirixidas a centros educativos de bacharelato, FP e mocidade de ata 16 anos. Con esta actuación séguense a espertar vocacións STEAM achegando as tecnoloxías disruptivas a través de temáticas de gran interese como o Big Data, o 5G e 6G, a infraestrutura hosting, os sistemas de protección web personalizados ou a ciberseguridade. O programa esténdese desde marzo a outubro de 2022 e irá actualizándose con novos relatorios (Detalle)
    • Período de inscrición: desde o 7 de febreiro do 2022.

 

  • DXC Iberia Codes. Concurso de programación con tecnoloxía Scratch para estudantes de 5º de primaria a 4º de secundaria. Este ano, os participantes desenvolverán un videoxogo que conte cun escuadrón de superheroes para loitar contra o cambio climático e preservar a biodiversidade. (Detalle)
    • Período de inscrición: ata o 13 de maio do 2022.

 

  • Visitas ao Data Center de Altia. Arrincan os percorridos polas instalacións do centro de servizos xestionados do Data Center de Altia en Vigo, guiados por profesionais da empresa. Os centros educativos interesados poderán realizar as súas visitas ata o mes de xuño. (Detalle)

 

  • GenTech. A empresa Altia pon en marcha un ano máis o seu programa de charlas en centros educativos, co fin de achegar as profesións tecnolóxicas aos estudantes de bacharelato da man de profesionais da compañía. As sesións buscan xerar espazos inspiradores para os participantes, espertando o seu interese na tecnoloxía e nos estudos STEAM. (Detalle)
    • Período de inscrición: ata o 15 de febreiro de 2022.

 

  • Taller de iluminación LED e robótica colaborativa. Televés impulsa durante o mes de marzo obradoiros de introdución á tecnoloxía LED e á robótica colaborativa para estudantes de ESO e bacharelato. Os talleres familiarizan e atraen o interese do alumnado cara as novas tendencias tecnolóxicas, espertando vocacións nas áreas TIC. (Detalle LED e Detalle robótica)
    • Período de inscrición: Do 7 ao 15 de febreiro de 2022.

 

  • Taller de deseño e impresión 3D: Obradoiro formativo para estudantes de ESO e Bacharelato de introdución ás etapas de desenvolvemento industrial de produtos a través de técnicas como a impresión 3D ou a realidade virtual, impartido por Televés. (Detalle)
    • Período de inscrición: Do 7 ao 15 de marzo de 2022.

 

  • Mentoring Day: Estudantes de ESO e Bacharelato teñen a oportunidade de experimentar unha xornada laboral en Televés acompañados polos profesionais expertos da compañía. (Detalle)
    • Período de inscrición: Do 7 ao 15 de marzo de 2022.

 

Todos os detalles destas actuacións así como as instrucións para participar están dispoñibles na web digitalent.xunta.gal/gl/actividades/infancia-adolescencia.