Plan DigiTalent - Aberto o período de inscrición da sexta edición de Tecnólog@ por un día

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de activar unha nova quenda do programa Tecnólogo por un día no marco do Plan DigiTalent, co que segue a fomentar o interese de estudantes de 12 a 17 anos nas novas profesións dixitais, ofrecéndolles a oportunidade de experimentar en primeira persoa o desenvolvemento dunha xornada de traballo nas empresas do sector TIC galego que colaboran coa iniciativa.

Nesta sexta edición ofértanse máis de 50 prazas distribuídas en dous grupos de idade: de 12 a 14 e de 15 a 17 anos.

período de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 1 de abril. As solicitudes de inscrición realízanse dende os centros educativos a través do seu persoal docente, que pode cumprimentar o formulario dispoñible no  espazo web DigiTalent, no que ademais deberá subir a autorización asinada polos pais/nais/titores legais do alumnado interesado en participar.

A documentación de referencia que recolle o detalle do programa, así como os manuais específicos para docentes e alumnado están dispoñibles para consulta e descarga na seguinte ligazón: https://digitalent.xunta.gal/es/iniciativa/tecnólog-por-un-día

Webinars TransformaTech Sessions

Doutra banda, continúa aberto o período de inscricións dos Webinars TranformaTech Sessions, un programa continuo de encontros virtuais no que se exploran temáticas relacionadas con tecnoloxías disruptivas como a Intelixencia Artificial, o Big Data, os servizos cloud ou a ciberseguridade da man de expertos e expertas na matéria:

https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/webinars-transformatech-sessions

Todos os detalles desta e outras actuacións dirixidas á infancia e adolescencia, así como as instrucións para participar encóntranse en constante actualización no espazo web digitalent.xunta.gal/gl/actividades/infancia-adolescencia.

Para calquera aclaración ou consulta ao respecto, pode dirixirse ao enderezo electrónico digitalent@xunta.gal.