Main navigation
Nos últimos tempos parte do debate educativo xira en torno ás novas tecnoloxías e ó uso que lles damos nas escolas. Malia que pareza un tema de actualidade situacións parecidas véñense repetindo na historia en sucesivas ocasións; non hai nada novo baixo o sol (xa o dicían en Grecia). Calquera dos adiantos, novidades, técnicas ou aparellos que o ser humano foi descubrindo en cada paso da evolución supuxeron un esforzo superlativo para o grupo.
A adaptación, descubrir e integrar as vantaxes da vida en común, poñelas ao alcance de todos, desbotar as desvantaxes e superar os inconvenientes de cada invento ou descubrimento foron obstáculos que houbo que salvar para chegar onde estamos hoxe.
O lume, a roda, as ferramentas, a electricidade... a radio, a televisión... foron obxectos de bruxería que tardaron en integrarse e tolerarse no día a día humano. Sen afundirse moito no pasado collamos como exemplo estes dous artefactos. A capacidade de enviar mensaxes sen cables dun punto a outro desenvolvida por Guglielmo Marconi e baseada nos traballos de Nikola Tesla (e antes Hertz, Popov...) foron considerados algo sobrenatural e catalogados como maxia, xeraron temores e fixeron imaxinar forzas invisibles chegadas do lado escuro. En 1938 a emisión da Guerra dos Mundos (novela de ciencia ficción de H.G. Wells) por parte de Orson Welles provocou un pánico masivo que acentuou o medio radiofónico como fonte de engano demoníaco e caótico.
A televisión tamén supuxo abrir de novo as portas do inferno tecnolóxico fai pouco máis de 100 anos. Poder ver a distancia o que está pasando, converter a luz en electricidade, codificala nun cable dividindo as imaxes en liñas... e poder enviala a infinitos puntos distantes, permitiu entrar nos fogares e creou unha situación da que se deprendeu un abano de diagnósticos como ansiedades, desintegración familiar, problemas de saúde física a máis da influencia moral na infancia (negativa por suposto). Aínda hoxe seguemos a escoitar críticas profundas e científicas sobre os contidos “lixo” da TV e todas as súas posibles e derivadas consecuencias.
Esta “pólemos” entre o positivo e negativo dos inventos, das novas tecnoloxías, é pois unha constante no ser humano desde moito antes da revolución científica.... e agora temos un novo anxo caído do progreso humano, aínda máis, din que témolo integrado e (dan por suposto que) sacralizado nas escolas...
Hoxe en día temos a posibilidade de conectar con toda a información do noso universo, podemos asomarmos en calquera parte noso mundo, consultar bibliotecas, visitar museos, saír ao espazo exterior e regresar sen necesidade de equipamento especial... Escapamos tamén da rixidez dos libros de texto, da angostura interesada de propostas concretas (que moitos de nós considerabamos como pechadas, sen escape); temos a posibilidade de crear os nosos propios recursos, mesturalos, amplialos ou elixir entre os posibles que poñen a nosa disposición, que son moitos, tanto bos como regulares e malos. Ter acceso a todas estas posibilidades supón un avance que debe cambiar a forma de ensinar e a forma de aprender... E non obstante lapidamos continuamente esta alternativa, sacrificamos esta opción porque se considera prexudicial para a nosa saúde (física e mental), queimamos na fogueira da nosa progresía estes novos medios e levantamos a voz pedindo volver ao esquema decimonónico.
A aposta educativa do software libre, do uso universal e gratuíto de ordenadores (rompendo así a barreira do acceso a toda a comunidade) é considerado unha ameaza para a xuventude e para a sociedade. Liberarse do absolutismo dos todopoderosos “gurús” informáticos e conseguir un uso libre dos recursos tecnolóxicos debe ser aplaudido desde calquera recuncho da nosa realidade.
Certamente calquera tecnoloxía implica os seus riscos... de feito ter coitelos na casa nun lugar común como a cociña ou en calquera outro recuncho do fogar supón un hipotético perigo, pero xa estamos acostumados a telos, xa superaron a disputa entre o necesario e o perigoso e xa son admitidos como elementos vitais no noso día a día. O perigo, por tanto, vese reducido a aprender como usalo, a adaptalo ás nosas necesidades, a integralo na faceta que lle corresponde do noso quefacer diario. O perigo radica no uso indiscriminado que lle podemos dar, e no consentimento de a quen e como llo damos.
O uso que a escola fai destes medios é insubstituíble, non podemos renunciar ao progreso (con todos os perigos que supón para a supervivencia da especie) non podemos deixar pasar a ocasión de modernizar a escola, unha escola que leva tempo enquistada no século XIX e que está supeditada a intereses comerciais que impiden o avance necesario do ser humano. O uso que a escola fai destes medios nas aulas representa unha parte moi pequena do tempo de traballo do alumnado pero supón tamén como contrapartida a posibilidade de mellorar exponencialmente a formación e o coñecemento. Pechar as nosas aulas a esta ventá ao mundo, a todas as posibilidades que houbo e que hai, supón unha visión minguada da realidade social e educativa que non podemos permitir.
Haberá outros espazos e outros momentos que deban limitarse; teremos que poñerlle límites ao seu uso, límites ao seu acceso, e incluso límites aos propios recursos, pero esa parte de responsabilidade debe ser asumida por distintos axentes sociais, por distintos protagonistas que comparten co profesorado a responsabilidade da formación da cidadanía. Non é tarefa do profesorado limitar os accesos ao coñecemento senón posibilitalo. No uso consciente e regrado destes recursos está a nosa responsabilidade como profesionais e estes avances non poden estar condicionados por criterios espurios.
Nesa liña seguiremos avanzando.
J. Manuel Yáñez Dablanca
Profesor de Filosofía
IES Ribadeo Dionisio Gamallo
