Main navigation
Unha das liñas de acción da Xunta de Galicia é a promoción do uso da lingua galega, para o cal forma e dota de ferramentas ao conxunto dos/as empregados/as. As competencias lingüísticas deste colectivo son determinantes para avanzar no proceso de normalización, pois a comunicación administrativa constitúe unha forma básica na relación entre a Administración e a cidadanía. Neste espazo figuran algunhasferramentas tecnolóxicas que facilitan a aprendizaxe, a resolución de dúbidas ou os procesos de traballo en galego e que a Xunta desenvolveu ou apoiou co obxecto de converter os teus escritos en exemplos referenciais de calidade.
https://aplicacions.usc.es/buscatermos/publica/index.htm
bUSCatermos é unha base de datos de acceso libre a través de Internet que permite consultar un corpus terminolóxico multilingüe -aínda que centrado no léxico galego- de máis de 150.000 rexistros das áreas especializadas máis diversas (ciencias da saúde, dereito, botánica, zooloxía, educación, historia, xeografía...).
Para cada un destes rexistros, este servizo web recolle e analiza, fundamentalmente, léxico técnico en lingua galega, pero posúe tamén un importante volume de terminoloxía en español, inglés e portugués, e unha cantidade menor de termos en francés, italiano, alemán e catalán. Deste xeito, a suma de todas estas formas lingüísticas supera as 450.000, o que converte a esta ferramenta no recurso lexicográfico máis amplo dos existentes para a lingua galega.
Como facer as buscas?
bUSCatermos permite dous niveis de traballo (‘Busca sinxela’ e ‘Busca avanzada’) desde os que se pode interrogar a base de datos sobre a práctica totalidade da información que nela se recolle:
- Saber como se chama nunha lingua X un concepto do que só coñecemos o seu nome noutra lingua
- Este tipo de busca pode facerse tomando como lingua de orixe e de destino calquera das que forman parte da base de datos
- A busca pode facerse por palabras completas ou por partes de palabra
- Os resultados poden filtrarse segundo a área temática, a valoración da denominación galega, a categoría gramatical da palabra buscada etc...
- Descubrir a definición dun termo do que só coñecemos o nome, ben buscando directamente nas definicións, ben facéndoo polo seu nome para ver de que forma é definido.
- Determinar a que área temática pertence un termo.
Imaxe
|
Digalego é un completo dicionario en liña de lingua galega que ten como base o dicionario normativo editado por Ir Indo Edicións. Posúe máis de 65.000 entradas que seguen as regras ortográficas e morfolóxicas acordadas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega en xullo de 2003, e toma como base léxica o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa).
En 2011, froito dun acordo entre a Xunta IrIndo Edicións, Digalego pasara a estar accesible na rede corporativa da Xunta para o seu uso por parte do persoal da administración autonómica e para os centros educativos.
Esta nova edición de 2015, ademais de incorporar melloras en termos de accesibilidade e usabilidade da ferramenta, xa está dispoñible en aberto, para a súa consulta por parte de toda a cidadanía.
Respecto das súas utilidades cómpre destacar que desenvolve todos os verbos coa súa conxugación, ademais de considerar como entradas todas as formas verbais, e que recolle tamén (baixo o epígrafe “Repertorio de formas incorrectas”) unha serie de voces non admitidas en galego (castelanismos, estranxeirismos, vulgarismos, hiperenxebrismos etc.), que remiten á súa forma correcta. Tamén destaca o feito de que se poden buscar palabras partindo de entradas en portugués, castelán, inglés, alemán, francés e italiano e que mostra equivalencias en portugués, castelán, inglés, francés, italiano, alemán e chinés.
https://tradutorgaio.xunta.gal
Gaio é o novo tradutor automático de textos, documentos e páxinas web para o persoal da Administración autonómica en Galicia.
Desde gaio.xunta.gal permite facer traducións entre varios pares de linguas: galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán.
Opcións de tradución
A ferramenta presenta tres opcións:
- Tradución de documentos nos formatos máis habituais (DOC, DOCX, PPTX, XLSX, ODT, ODS, ODP, PDF, HTML, XML e TXT).
- Tradución de texto plano introducido no frontal da propia aplicación, cun tamaño máximo de 10.000 caracteres.
- Tradución de páxinas web, que ofrece como resultado unha páxina a través da que podemos navegar.
Nos tres casos conta con tres vocabularios é posible seleccionar que o programa marque ou non as palabras descoñecidas.
Nas traducións entre galego e castelán, Gaio dispón de tres tipos de vocabularios personalizados: xeral, xurídico e administrativo. O vocabulario administrativo inclúe termos relacionados co ámbito da administración galega, entre os que se atopan nomes propios de lugares e persoas. O xurídico inclúe terminoloxía propia do campo xudicial e lexislativo. Se as súas traducións non están relacionadas co traballo na administración pública ou de xustiza, recoméndase usar o vocabulario xeral.