Main navigation
Dende o IES Maximino Romero de Lema en Zas (A Coruña), Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo veñen desenvolvendo prácticas educativas innovadoras que inclúen a IA como ferramenta para o fomento de valores. Están despregando a IA na aula, utilizando como metodoloxías educativas centrais o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) e o Traballo por Proxectos.
Resulta de interese destacar que ambos profesores imparten docencia en 3º e 4º da ESO, con grupos de 10-12 alumnos, algo que sempre favorece a implantación destes tipos de metodoloxías.
A IA favorece a implantación da DUA na aula.
Ambos docentes destacan que se trata de garantir que todo o alumnado teña un punto de partida que garante a igualdade de oportunidades á hora de aprender, se ben todos non aprendemos iguais e, a aprendizaxe adaptativa é unha máxima en todo o proceso da elaboración dos seus proxectos, proporcionando múltiples formas de representación, expresión e implicación do alumnado nos traballos elaborados. Neste contexto, o traballo por proxectos permite ao alumnado involucrarse activamente na súa aprendizaxe, desenvolvendo competencias clave a través de tarefas significativas. A incorporación de ferramentas de código aberto facilita a adaptación e personalización dos recursos educativos, promovendo a accesibilidade e a colaboración.
Proxectos de interese que transcenderon fóra do centro, recoñecidos recentemente por distintos organismos e institucións:
Tanto Fina como Óscar, destacan a importancia que ten para a motivación do alumnado que os proxectos transcendan fóra do centro e teñan tamén un impacto social positivo. Así destacan a realización dos seguintes proxectos que son exemplo do que anteriormente se comentou neste artigo:
Miño en xogo: Este proxecto consistiu na creación dun xogo que combina tradición e modernidade, permitindo ao alumnado traballar a igualdade e diversidade, así coma, percorrer a historia, xeografía e patrimonio de Galicia seguindo o leito do río Miño. O xogo foi desenvolto empregando tecnoloxía NFC e materiais informáticos reciclados (teselas), integrando diferentes tecnoloxías (almacenamento na nube, edición de audio e vídeo) e a IA para enriquecer a experiencia educativa.
Esta iniciativa foi galardoada co premio "Xigante Argalleiro" do proxecto Argallando de Amtega, recoñecendo o seu enfoque innovador e creativo, así coma o traballo colaborativo e interxeracional.
Queremos destacar que, en todo o proxecto, estivo presente o espazo “Polos Creativos”, xa que se utilizou a cortadora láser para a elaboración dos materiais con madeira (taboleiro e fichas) e tamén a radio do centro (gravación das preguntas).
Precursoras en la lucha por la igualdad: Neste traballo, o alumnado realizou entrevistas simuladas a figuras históricas como Clara Campoamor e Emilia Pardo Bazán, a través da creación de DeepStories mediante ferramentas IA. O obxectivo desta peza audiovisual foi promover a igualdade de xénero a través da visión de mulleres destacadas neste eido.. Traballouse coa aula de radio de Polos Creativos coa que conta o centro.
A curta foi seleccionada no Festival de Curtametraxes FOCO 2024 en Fuente Obejuna (Córdoba), destacando entre máis de 100 candidaturas pola súa relevancia educativa.
A maxia da poesía nunha canción: Este proxecto baseouse en poñer música (grazas á IA) a poemas de Manuel María e Rosalía de Castro.
O traballo obtivo o terceiro premio no 15.º Festival de Cine OUFF Escola de Ourense, seleccionado entre propostas de distintas partes de Galicia, amosando a capacidade da IA para poñer en valor ás humanidades e neste caso á Literatura Galega.
DesexarIA: Dentro do programa "Talentos inclusivos", o alumnado do IES Maximino Romero de Lema, desenvolveu un sistema de comunicación para persoas con parálise cerebral, permitindo a comunicación de necesidades básicas a través de vídeos xerados con IA. A iniciativa destaca pola súa contribución á eliminación de barreiras comunicativas, promovendo a inclusión e a autonomía das persoas con discapacidade. Este traballo tamén contou co impulso de “Polos Creativos”.
Finalmente, gustaríanos destacar que este tipo de prácticas educativas, exemplifican a integración efectiva da IA no ensino, aliñada cos principios do DUA, o Traballo por Proxectos e colaborativo, así coma a eliminación de barreiras ao acceso a recursos.
O uso de ferramentas de código aberto non só facilita a personalización e accesibilidade dos recursos, senón que tamén promove a colaboración e a innovación educativa. Os recoñecementos acadados avalan a eficacia destas prácticas que integran de forma efectiva a IA na aula e no proceso de ensino aprendizaxe.
Persoas autoras:
Fina Paulos Lareo (profesora de ensino secundario).
Óscar Manuel Rey Calo (profesor de ensino secundario).
Centro educativo:
IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas).
