As "novas" tecnoloxías como recurso de aprendizaxe

Unha das principais premisas da escola é crear cidadáns competentes para unha vida activa na sociedade.

Na actualidade non podemos desenvolver esta premisa deixando de lado as novas tecnoloxías. O noso alumnado vive nun mundo tecnolóxico no que as aplicacións son o seu recurso máis próximo. Por iso, dende a escola temos que educar nestas tecnoloxías, nos seus pros, contras e riscos.

O colexio do que formo parte acaba de recibir un premio do Ministerio de Educación polas “Boas prácticas no uso e aplicación das Tecnoloxías Aplicadas á Educación” a partir dun dos nosos proxectos documentais integrados “Dámoslle unha volta á terra?”. Cremos que o feito de nos outorgaren este recoñecemento é en gran medida pola filosofía coa que abordamos as tecnoloxías.

Se ben, no centro, lévase anos apostando pola integración das TIC na práctica docente, foi o paso do tempo e as experiencias o que fixo que concibamos as tecnoloxías non como algo a aprender, senón como o recurso a través do cal aprender e ensinar. Este feito implicou cambios no centro educativo, na práctica docente e na relación do alumnado cos contidos curriculares. Cambios que foron posibles en parte grazas ás dotacións da Consellería e en parte ao esforzo, traballo e formación do profesorado.

Pero como ben indica o título deste texto, centrareime nas posibilidades que nos ofrecen as actuais aulas E-Dixgal (antes aulas Abalar). O feito de que cada alumna e alumno conte cun ordenador persoal con conexión a internet na aula, posibilita e forza ese cambio na práctica docente do que se falaba anteriormente. Xa non é o docente a fonte de saber, senón o acompañante na busca da mesma. Fai falla aquí un traballo amplo de alfabetización mediática. O coñecemento xa non queda restrinxido ao que estableza un libro de texto, senón que se poden dar múltiples formatos á hora de relacionar e cohesionar os contidos curriculares. Cumpre aquí rachar coa idea de que E-Dixgal nos limita á hora de traballar porque é un libro de texto dixital. A limitación poñémola cada un de nós. Os contidos de E-dixgal son unha organización e concreción do coñecemento do que botar man para poder investigar ou como base da cal partir.

Igual que se aprende a tratar a información temos todos os recursos da nosa man para crear información. É importante citar aquí algúns plans da Asesoría de bibliotecas escolares de Galicia, como ”Radio na biblio”, “Biblioteca creativa” ou “Plambe”.

Os ordenadores Abalar permítennos editar podcast, programar con Scrach, editar vídeos ou elaborar presentacións. Dende as aulas Abalar participamos no proxecto documental premiado a través de: retos steam (que implicaban impresión 3D, programación robótica, creación de contidos en aplicacións como Chatterpix), producións audiovisuais (anuncios, croma), edición de podcast dos nosos programas de radio, creación de contidos interactivos (en aplicacións como Thinglink, Genially ou Quizziz), encontros virtuais con autores, persoas relevantes da cultura e ciencia e alumnado doutros centros.

En definitiva, a escola debe ir da man da sociedade para non caer en anacronismos e as aulas E-Dixgal proporcionan tanto a profesorado como alumnado a posibilidade de acceder e utilizar unha grande cantidade de coñecementos e recursos que non imos atopar nun libro de texto ou no entorno da nosa aula.

Pódese dicir que é a inmersión no mundo dixital dunha franxa de poboación que, pola súa idade, é “nativo dixital”.

 

Autor: Diego Agilda Pedreira

Centro educativo: CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo - A Coruña)

 

Imaxe
Educación dixital