O panel dixital en infantil e primaria

O camiño cara a dixitalización é imparable. Ano tras ano, imos engadindo máis recursos ás nosas aulas, que xa forman parte da vida cotiá do noso alumnado.

É innegable que este tipo de recursos serven como artelladores do vencello entre os aspectos máis innovadores do ensino e a realidade xa existente na vida diaria do alumnado, pois debemos admitir que as novas tecnoloxías están cada vez máis presentes en cada ámbito do día a día, tanto de adultos como de nenos e nenas. Mais, non sempre lles damos un uso correcto, debido a que temos todo ao alcance dun "clic", o acceso á información é demasiado rápido, e non sempre sabemos aproveitar todas as súas posibilidades, por iso a integración das tecnoloxías en todos os seus formatos, ás aulas, sempre resulta positivo.

No presente curso, dotouse de paneis dixitais interactivos a toda a etapa de Infantil e 1° ciclo de Primaria, mellorando así considerablemente as dinámicas de traballo e facendo máis accesibles os contidos curriculares ao noso alumnado.

Asemade do comentado, cómpre salientar o valor destes instrumentos como elementos democratizadores dentro da aula, que axudan á súa vez a centrar a atención e a desenvolver habilidades sociais e integradoras, así como atender á diversidade e fomentar a motivación e a creatividade.

Deste xeito, na etapa de Infantil empregouse o panel dixital diariamente durante a asemblea, o que fixo esta rutina moito más motivante para o alumnando; tamén nos serviu para afianzar contidos con xogos interactivos e para experimentar o debuxo libre e creativo en grupos reducidos durante o xogo por recunchos, tendo este unha gran aceptación na aula.

No 1° ciclo de Primaria deunos a posibilidade de complementar e reforzar as aprendizaxes a través de xogos interactivos e outros materiais; realizar asembleas diarias tamén interactivas nas que o propio alumnado era protagonista; a interactividade do panel, á hora de traballar cos libros tamén neste soporte, facilitounos moito o proceso de aprendizaxe, en canto a que todo o alumnado seguira as explicacións en cada clase; tamén nos permitiu levar a cabo sistemas de puntos e un control do ruído a tempo real, o que favoreceu a mellora do ambiente na aula; así mesmo, permitiulle a alumnado fomentar a súa creatividade e deixar voar a súa imaxinación, con aplicacións como a pizarra, que puideron utilizar varias persoas simultáneamente.

En definitiva, os paneis abríronnos as portas a un novo xeito de ensinar e de aprender, mellorando as posibilidades que nos ofrecían instrumentos anteriores e permitíndonos adaptar as aulas un chisco máis á realidade dixital do noso alumnado.

 

Autoras: María Carmen Armas Fandiño - Dalia Núñez Pernas - Sonia María Pérez Santoalla - Carla Rey Blanco - Davinia Varela Sánchez

Centro educativo: CEIP de Melide Nº 1

Imaxe
Infantil e Primaria