Paseando con Emilia

Paseando con Emilia foi o Proxecto Documental Integrado (PDI) que se desenvolveu, coordinado polo equipo da biblioteca escolar, no CEIP Emilia Pardo Bazán. Neste PDI investigamos e aprendemos sobre a figura da escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán.

Consideramos que o centenario da morte da autora podía ser un bo motivo para toda a comunidade educativa do centro coñecese os diferentes aspectos da polifacética galega.

A planificación que se realizou desde a biblioteca procurou que nunha primeira fase se coñecesen diversos aspectos sobre a súa biografía, o papel na sociedade e aproveitando este tamén quixemos viaxar ata esa época e descubrir acontecementos que ocorreron nese período. Outro dos temas centrais foi a relevancia en reivindicar o protagonismo na sociedade da muller.

Evidentemente, todas estas liñas propostas estaban relacionadas co desenvolvemento das competencias básicas e co desenvolvemento do currículo en cada un dos cursos.

Ademais destes contidos prestamos especial atención á utilización de estratexias, mecanismos de tratamento e procura de información, buscando que o alumnado desenvolva un pensamento crítico.

O equipo de biblioteca puxo a disposición do alumnado unha serie de obras relacionadas ou escritas por Emilia Pardo Bazán, pero debido a que non había moitos recursos adaptados ás idades do alumnado tivemos que realizar unha selección de recursos na rede que apoiase a investigación que se realizaría desde as aulas. Os mestres/as, especialmente o que imparte clase nas aulas de EDIXGAL, tiveron que realizar un esforzo na mediación e selección desta información que era recollida en Internet.

Centrándonos no desenvolvemento do traballo desde as aulas EDIXGAL estas organizaron ao alumnado en pequeno grupo para poder realizar o traballo de investigación na fase de análise. Cos dispositivos puideron elaborar documentos como os guións que utilizaron para as entrevistas que realizaron no estudio de Emilia na Onda, tamén os ensaios das locucións da ficción sonora “Conversando coa Emilia”, tamén puideron participar no concurso semanal de procura de información no que tiñan que procurar as respostas ás cinco preguntas que se propoñían desde o blog da biblioteca, nesta actividade houbo diversas metodoloxías, desde que cada semana un grupo se organizase para responder en nome de toda a clase ata realizalo entre toda a clase.

A comunicación entre o equipo realizábase a través plataforma en liña de EDIXGAL, ben a través dun foro, ben a través dunha actividade, tendo o propio espazo creado pola titora na aula virtual. Mestras especialistas, como a de lingua estranxeira, utilizaron os recursos do programa para procurar información e transformala en taboleiros Padlet en Internet.

O alumnado apoiouse, para a realización de actividades de pensamento computacional dos ordenadores do programa e da sección na aula virtual da sesión semanal de robótica, na que se ían realizando as tarefas desta e na que probaron cos escornabot da biblioLab o libro “Paseando co EscornaEmilia”, libro de pensamento computacional dirixido a E.I. e primeiros cursos de E.P., pero que o alumnado de 5º e 6º de E.P. probou para detectar posibles erros e dar algunha suxestión de mellora. Rematamos o proxecto presentando os diversos produtos que foron creados nesa fase de investigación nas aulas. A elaboración de guións e vídeos propiciou a integración dos aspectos audiovisuais na comunicación do aprendido, tentando que houbese unha transformación de todos os coñecementos adquiridos.

No vídeo de “Emilia Rebelde” combinamos esta presentación dos diferentes aspectos da vida de Emilia Pardo Bazán coa difusión de “Conversando coa Emilia”, na que utilizamos a placa Echidna Black para que os paneis creados tivesen carácter interactivo, o alumnado de 5º EP tivo que programar coa linguaxe de bloques, neste caso a través versión de Scratch para esta placa, actualmente xa se atopa a posibilidade de conexión nativa dentro da maqueta.

O desenvolvemento de todo o proxecto pode consultarse no blog da biblioteca escolar ou na web do propio proxecto.

 

Centro educativo: CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)

 

Imaxe
Artigo de blog