Transformar a aula nun espazo seguro e enriquecido con tecnoloxía

Nun mundo cada vez máis dixitalizado, a integración da tecnoloxía no ámbito educativo non só é unha oportunidade, senón unha necesidade imperiosa. A competencia dixital docente é clave para asegurar que as nosas aulas sexan espazos onde a tecnoloxía non só estea presente, senón que se utilice de maneira efectiva e segura para mellora-la experiencia de aprendizaxe dos nosos estudantes.

Reflexionar sobre as prácticas actuais

O primeiro paso para avanzar nesta transformación é a reflexión sobre as nosas prácticas pedagóxicas actuais. Como docentes, debemos cuestionarnos: ¿Qué actividades realizamos na aula que poderían beneficiarse do apoio de recursos dixitais? Non é unha pregunta de doada resposta. Para moitos docentes, introducirse no mundo dixital é todo un reto, persoal e profesional.
Lembra que o importante, en todo o proceso de transformación, é que te sintas cómoda ou cómodo coa introdución de tecnoloxía. Pouco a pouco, non hai présa.

Identificación de Recursos Dixitais Dispoñibles

Unha vez identificadas as oportunidades de integración tecnolóxica, é fundamental facer un inventario dos recursos dixitais dispoñibles no noso centro educativo. Isto inclúe non só o hardware, como tabletas, PCs ou portátiles, senón tamén os recursos institucionais, como polos creativos ou dispositivos para préstamos. Coñecer e comprender estas ferramentas é o primeiro paso para o seu uso efectivo na aula. Nunha experiencia propia, o uso de ordenadores de empréstito da pandemia, que aquel curso non estaban a ser empregados, foron unha vía para integrar unha experiencia dixital co alumnado, que acadou grandes resultados, que doutro xeito sería máis complexo.

Maximizar o uso de plataformas corporativas

As plataformas educativas como Agueiro, EVA e Moodle ofrecen un enorme potencial para transformar as nosas prácticas pedagóxicas. Estas ferramentas permiten unha maior interacción cos contidos, facilitando a creación de contornos de aprendizaxe máis dinámicas e accesibles.
É esencial que os docentes coñezamos e aproveitemos todas as funcionalidades destas plataformas para diversificar as nosas estratexias didácticas e fomentar unha participación activa dos estudantes. Moitas veces, temos formación pero non somos quen de buscarlle utilidade a mesma. Sempre hai formas, por exemplo:

- Agueiro como canle de evidencias de aprendizaxe dende educación infantil ata ESO, onde poidamos volcar as creacións dos alumnos nos primeiros anos de escolarización ata que rematan (facendoo eles e elas soliños).

- EVA. Unha das principais ferramentas que, partindo de Moodle – aula virtual, permitenos facer coavaliacións dun xeito doado e intuitivo, ou subir arquivos REA como H5P, que podes desenvolver en LUMI, un aplicativo dos sistemas operativos ABALAR–LINUX que temos á nosa disposición.

Uso de porfolios dixitais

O portfolio dixital preséntase como unha xeración poderosa para fomentar a reflexión e a aprendizaxe continua. A través da creación e actualización de portfolios, os estudantes poden recompilar, analizar e reflexionar sobre o seu propio aprendizaxe. Este enfoque non só promove a autorregulación e a metacognición, senón que tamén ofrece aos docentes unha venda para avaliar o progreso e as áreas de mellora de cada alumno.
Incorporar a tecnoloxía na xestión de portfolios, a través de plataformas como Moodle ou Agueiro, facilita este proceso e faino máis accesible e organizado.

Estruturación de sesións didácticas baseadas en ferramentas dixitais

Finalmente, para que a integración tecnolóxica sexa efectiva, cómpre estructurar as nosas sesións didácticas de maneira que o uso de ferramentas dixitais sexa unha parte integral do proceso de ensino-aprendizaxe. Empregar recursos como H5P en portais oficiais non só facilita a creación de materiais interactivos e seguros, senón que tamén potencia a competencia dixital dos nosos alumnos. Por exemplo, facer uso de eXeLearning ou H5P dende infantil ata ESO, facilita a interacción de alumnado coa interface do espazo. Esa facilidade de acceso, nos primeiros anos pola interación puntual, para chegar a crear contido propio nos últimos cursos de primaria ata a ESO, é fundamental para o proceso de desenvolvemento da competencia dixital.

O uso de metodoloxías activas apoiadas por tecnoloxía non é unha moda pasaxeira, senón unha estratexia esencial para garantir unha aprendizaxe significativa e adaptado ás necesidades do século XXI.


Como docentes, o noso compromiso é seguir formándonos e adaptándonos a estes cambios, asegurando que as nosas aulas sexan espazos de innovación, seguridade e excelencia educativa.
Lembra, que o importante durante toda esta transformación é a túa comodidade, buscando que o alumnado e ti, progresedes no proceso da competencia dixital.

Ánimo!

Autor: Luis Vilela Acuña
Centro educativo: CEIP Plurilingüe Froebel (Pontevedra)

 

Imaxe
Tecnoloxía nas aulas