Main navigation
A tecnoloxía e internet supoñen un avance enorme e un cambio importante na nosa maneira de traballar, de aprender e de relacionarnos pero non sempre utilizamos de forma eficiente todos os recursos e servizos dixitais. Podemos optimizar moitos dos nosos hábitos diarios nos que a tecnoloxía está presente, desde enviar un documento adxunto nun correo electrónico ata unha simple procura na internet.
Usa navegadores de baixo consumo
Navegar consome datos, o que implica que hai unha descarga de información que consome enerxía eléctrica e recursos. Non todos os navegadores teñen o mesmo nivel de consumo, de feito, nas probas realizadas polo grupo de investigación Alarcos da Universidade de Castela-A Mancha, Mozilla Firefox e Microsoft Edge son os navegadores máis eficientes con respecto ao consumo, seguidos de Opera e Google Chrome.
Pecha as pestanas que non utilices
As pestanas ou xanelas que tes abertas e esquecidas tamén consomen. É preferible non abrir tantas pestanas e, en todo caso, sempre podes volver abrilas se necesitas consultar algo.
Reduce o número de procuras en liña
En lugar de buscar en Google as páxinas ás que accedes habitualmente, escribe no navegador a dirección URL. Tamén podes engadir as webs que utilices habitualmente á barra de marcadores para ter accesos directos a esas páxinas.