Main navigation
A lexislación educativa vixente fundamenta que unha das principais bases do sistema educativo actual é a de garantir unha formación integral do alumnado, formando cidadáns activos e contribuíndo ao pleno desenvolvemento da súa personalidade.
Nos últimos anos, a sociedade sufriu múltiples cambios, entre os que podemos destacar o uso xeneralizado das tecnoloxías da información e da comunicación en diferentes contextos da vida cotiá. É por elo, que a escola, debido ao seu carácter educativo e sendo unha institución ideal para a transmisión de diferentes coñecementos, non pode permanecer allea a estes cambios, adaptando a formación do alumnado aos requisitos actuais e futuros.
O centro no que traballo actualmente, aposta, entre outras cousas, pola integración das novas tecnoloxías nas aulas e no traballo co alumnado. Durante este curso (2022-2023) recibimos no centro dez paneis dixitais que supuxeron cambios na práctica docente.
O feito de contar nas nosas aulas con esta ferramenta facilitou a integración das TICS nas actividades propostas ao noso alumnado, así como o traballo coas nenas e nenos para que poidan formarse como competentes dixitais. Estas pantallas teñen dous modos de traballo, poden usarse como un ordenador (na función de PC) ou como un taboleiro dixital propiamente dito. No meu caso, a función de PC é de gran axuda para traballar cos nenos e nenas na sesións nas que empregamos portátiles, pois tanto estes dispositivos como a pantalla usan a maqueta Abalar. Durante ditas sesións, eu podo levar a cabo propostas máis guiadas nas que teño a posibilidade de realizar as tarefas e actividades programadas e eles poden seguir os pasos indicados, o que lles resulta de gran axuda. Esta entrada tamén a uso para realizar as típicas accións que se farían cun ordenador (ver unha película, gardar fotos, traballos ou gravacións dos mesmos ordenados en cartafois...). Ademais, no fondo de pantalla tamén podemos escribir co lapis propio do taboleiro, cambiar as cores... e, como calquera ordenador, usámolo para buscar información (tanto en gran grupo para resolver actividades comúns como en pequeno grupo nas sesións de retos).
Por outro lado, temos a “función de pantalla” á que eu lle dou moito uso. Para min é de moita utilidade a app denominada “consello” que funciona como unha pizarra normal onde os nenos e nenas poden escribir, debuxar ou facer diferentes actividades (cambiando as cores e o tamaño de letra, a tipografía seleccionando o escrito...). Ademais, a app “consello” ten unha serie de ferramentas que teñen moito potencial: pódese inserir unha pauta para escribir, usar un esquema de mapas conceptuais, esquemas de fraccións, táboas, regretas, formas xeométricas... No meu caso, sempre teño unha cámara conectada ao USB e obteño fotos dos diferentes traballos que imos realizar na clase e escribo sobre os mesmos (como se o estivera facendo no propio papel) para guiar aos nenos e nenas. Esta última é a función que máis uso.
Ademais, é un instrumento moi útil para realizar actividades de reforzo (grafía das letras, pois o trazo das mesmas debe aprenderse antes en vertical que en horizontal; grafomotricidade...) e de procesos psicolóxicos básicos (memoria, atención...), pois é un elemento moi motivador para os nenos e nenas. As asembleas creadas en aplicacións de presentacións ou outras actividades que tamén acostuman a ser máis motivadoras para o alumnado, son outro recurso moi recorrido nas mesmas. Na miña aula tamén poñemos, en momentos de moito ruído ou nos que os rapaces e rapazas necesitan calmarse, música relaxante ou xogos que os motivan para controlar o volume de voz (bouncy balls).
Resulta interesante tamén a aplicación para emitir contido dende outros terminais, polo que o móbil, que xa é unha ferramenta máis de traballo, tamén se emprega para transferencia directa de imaxes ou vídeos.
En definitiva, estes paneis dixitais cos que se están dotando aos centros educativos supoñen un gran salto cualitativo con respecto ás anteriores pizarras interactivas, cunha calidade de imaxe infinitamente mellor e sen sombras molestas que dificultan a visión.
Creo que serán un recurso moi importante que nos permitirá camiñar da man da sociedade na que estamos vivindo e mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe, permitíndonos formar a cidadáns activos e competentes dixitalmente.
Autora: Cristina Trigo Oroza
Centro educativo: CEIP San Tomé (Cambados)