Espazos
Actuacións para o impulso das vocacións científico-tecnolóxicas no 1º trimestre do 2023.
O Plan DigiTalent continúa a fomentar as vocacións STEAM na infancia e a adolescencia, impulsando o talento galego dende idades temperás coas seguintes actividades planificadas de xaneiro a marzo do 2023:
- Tecnólog@ por un día: A Amtega impulsa a VIII edición do programa Tecnólog@ por un día, que achega as profesións dixitais a rapaces e rapazas de 12 a 17 anos. A partir do 8 de marzo, o persoal docente pode comezar inscribir ao alumnado interesado en participar no programa para experimentar unha xornada laboral inmersiva nalgunha das empresas colaboradoras do sector TIC de Galicia. As sesións desenvolveranse do 17 de abril ao 26 de maio de 2023. (Detalle)
- Período de inscrición: Do 8 ao 28 de marzo de 2023.
- GenTech: Altia abre o período de inscrición da IV edición de GenTech, un programa co que se busca fomentar o atractivo vocacional do alumnado de Bacharelato nas carreiras STEM a través da celebración dunha sesión GenTech nos Centros educativos interesados. As sesións están enfocadas a xerar espazos para a conversa entre os mozos/as e o persoal experto de Altia, que exporá a súa experiencia nas profesións científico-tecnolóxicas dende unha perspectiva real, práctica e inspiradora co obxectivo de espertar nos rapaces e rapazas o seu xen tecnolóxico. (Detalle)
- Período de inscrición: Ata o 31 de xaneiro de 2023. Inscrición.
- Visitas ao Data Center de Altia: Altia Consultores continúa a ofrecer aos centros educativos interesados a oportunidade de visitar o centro de servizos xestionados no seu Data Center situado en Vigo, que conta con 400 m2 de salas técnicas. Trátase dunha visita guiada polas instalacións coa que se busca espertar o interese dos máis novos e novas nas novas tecnoloxías e mellorar a visión que teñen das profesións científico-tecnolóxicas. (Detalle)
- Período de inscrición: A partir do 1 de setembro do 2022. Inscrición.
- DXC Iberia Codes: Concurso de programación de videoxogos de aventura dirixido a Centros educativos, este ano vencellado á temática “O comando enerxético”. Os alumnos e alumnas de 5º de primaria ata 4º de secundaria participantes na competición deberán, por parellas, empregar a tecnoloxía Scratch para crear un videoxogo de aventuras enfocado a cumprir a misión de combater a crise enerxética. (Detalle)
- Período de inscrición: Do 1 de novembro de 2022 ata o 31 de maio de 2023. Inscrición.
Para máis información, accede á infografía de actividades do primeiro trimestre de 2023 ou consulta todos os detalles e instrucións para participar nestas actuacións na web digitalent.xunta.gal/gl/actividades/infancia-adolescencia.