Dispoñibles 13 novos recursos DIXIT: dixitais, innovadores e adaptados ao currículo galego

O proxecto Dixit comeza o 2023 cun catálogo formado por 57 recursos innovadores e 6 guías docentes dirixidos á comunidade educativa galega e agrupados en 19 iniciativas das materias de Matemáticas, Física e Química, Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Bioloxía e Xeoloxía e Francés e da ensinanza transversal de Intelixencia Artificial e do Benestar Emocional na Aula.

Neste novo ano, destaca a publicación de 15 contidos dixitais (11 novos e 4 ampliacións) para o ensino de Intelixencia Artificial, de Educación Emocional na Aula e de Bioloxía e Xeoloxía.

Co fin de dar resposta ás necesidades da nosa comunidade educativa, o proxecto Dixit busca incrementar a oferta de recursos dixitais gratuítos dispoñibles combinando a innovación pedagóxica e tecnolóxica a través do traballo coordinado de profesorado experto e dos sectores tecnolóxico e audiovisual.

O resultado é un conxunto de contidos diferentes, atractivos e dinámicos, adaptados ás diversas materias e idades e que fomentan a adquisición integral de coñecementos por parte do alumnado, pois comparten unha filosofía común: aprender facendo. 

Se queres coñecer máis en profundidade o proxecto, recomendámosche ler a nova "DIXIT: contidos dixitais innovadores para a comunidade educativa" na revista Eduga.

Imaxe
Dixit

 

Con 5 novas publicacións e 1 actualización, complétase a iniciativa “Deep Learning” para o ensino de Intelixencia Artificial en primaria e secundaria, que conta con versións en galego e castelán de todos os contidos:

  • Ponse a disposición o contido “UX1A aprende” na súa versión en castelán e actualízanse os textos da versión en galego. Neste módulo, o alumnado pode adestrar unha máquina con Aprendizaxe Profunda para que identifique a emoción da alegría, comprendendo tanto o proceso de adestramento e aprendizaxe dunha máquina como a importancia dos datos empregados para adestrala. 
  • Publícase “UX1A recoñece emocións” (galego e castelán), un contido de experimentación no que o alumnado poderá interactuar cunha Intelixencia Artificial real adestrada con Deep Learning para que recoñeza as cinco emocións: alegría, sorpresa, tristura, enfado e medo. O contido permite amosarlle imaxes a UX1A empregando tarxetas precargadas e a webcam do alumnado.
  • Lánzase “Retos: UX1A recoñece emocións” (galego e castelán), un contido complementario ao módulo de experimentación no cal o alumnado atopará tres retos diferentes que lle axudarán a reflexionar e obter conclusións sobre as súas interaccións co axente intelixente.

A iniciativa está orientada á aprendizaxe de conceptos básicos de Intelixencia Artificial e busca guiar ao alumnado na súa reflexión sobre o funcionamento e a obxectividade dos axentes intelixentes, así como sobre a importancia dos datos empregados no adestramento para o recoñecemento de trazos nunha mostra. 

Imaxe
Dixit

 

Tamén no eido da Intelixencia Artificial publícase “As entrevistas de UX1A”, derradeiro contido da iniciativa “Introdución á Intelixencia Artificial”. Este recurso inclúe entrevistas en formato vídeo nas que as expertas Verónica Bolón, Sara Guerreiro e Minia Manteiga responden a cuestións esenciais sobre a Intelixencia Artificial como “que é”, “onde a atopamos”, “cales son os seus beneficios e riscos” e “que papel teñen as mulleres na IA”, que permiten achegar esta nova e revolucionaria disciplina ao alumnado. 

Cabe destacar que o vídeo xeral, onde as especialistas responden de forma coral a UX1A, inclúese tamén na presente actualización do contido “Intelixencia Artificial: Guía do profesorado”, nas súas versións en galego e en castelán. Nunha próxima versión, a guía incorporará unha nova sección de webgrafía e recursos, así como unha serie de imaxes descargables para o traballo dos conceptos na aula e para a programación de UX1A con intelixencia artificial.

Imaxe
Dixit

 

Para o traballo transversal de Educación Emocional na Aula, amplíase a iniciativa “Pasaporte emocional” coa publicación de tres novos contidos:

  • O contido “Viaxe emocionante” adaptado para o alumnado de primaria, no que poderá crear o seu avatar e deseñar o seu pasaporte, así como desprazarse ao seu primeiro destino para traballar a identificación das emocións propias e alleas a través da arte, da historia e dunha narrativa que fomenta o traballo introspectivo, o debate e o pensamento crítico. 
  • O contido “Crea o teu propio avatar” (versións en galego e castelán), que permite ao alumnado caracterizar a súa propia representación escollendo elementos de 14 categorías: cor da pel, ollos, cellas, boca, cabelo, detalles da cara, roupa, lentes, audio, accesorios para a cabeza, accesorios para a cara, accesorios para o corpo, debuxo da roupa e fondo. O traballo con avatares permite abordar aspectos relacionados co benestar emocional e social como o autoconcepto, a autoestima e o respecto cara as demais persoas. Ademais, o contido incorpora unha batería de actividades complementarias enfocadas a fomentar a creatividade.
Imaxe
Dixit

 

Para a materia de Francés, publícanse dous contidos novos da iniciativa “Le chemin de Saint-Jacques de Compostelle”:

  • “Perigueux: Boutique”, terceira parada da iniciativa, incorpora un simulador conversacional co que o alumnado pode aprender e practicar vocabulario e expresións referentes á roupa e aos accesorios, ás cores, ás tallas, aos materiais e aos gustos nunha tenda de roupa situada na cidade de Perigueux. O alumnado interactúa con diferentes personaxes para coñecer os seus gustos e entregarlles catro pezas distintas: unha parte de arriba, unha de abaixo, un calzado e un accesorio. 
  • “Carnet de Voyage” é un contido interactivo complementario aos outros da iniciativa que permite ao alumnado crear o seu propio diario de viaxe do Camiño de Santiago, rexistrando as súas experiencias en todas as paradas percorridas. O diario resultante recolle as preferencias de cada persoa no seu deseño, motivando ás alumnas e aos alumnos coa incorporación de fotos, recordos, a data na que se realizou cada visita, un resumo do aprendido nos diversos lugares e as palabras e as expresións interiorizadas durante o camiño.
Imaxe
Dixit

 

Na materia Bioloxía e Xeoloxía, actualízase o contido “Exploración libre 360º en ecosistema dunar” da iniciativa “Mostraxe dunar” para incluír vídeos 360º en cada unha das zonas (escenas) que o alumnado ten a posibilidade de explorar. Estes novos vídeos, que constitúen paseos pola paisaxe, amplían a batería de recursos que o contido pon a disposición do alumnado para coñecer o sistema dunar e de lagoa mariña de Barra (Ponteceso) nesta excursión inmersiva.

 

Imaxe
Dixit

 

Nos próximos meses, o proxecto Dixit ampliará o seu catálogo con 6 novos contidos e 4 actualizacións das materias de Francés, Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Física e Química, Educación Emocional na Aula e Intelixencia Artificial.

Para a materia de Francés, lanzarase o último contido da iniciativa “Le chemin de Saint-Jacques de Compostelle”: “Limoges: Halles”. A segunda parada do camiño de Santiago francés incorporará escenarios de scape room nos que o alumnado terá que superar retos para obter un premio, ao tempo que coñece a cultura francesa penetrando no mercado de abastos da cidade e aprendendo e practicando vocabulario e expresións referentes á vaixela e á porcelana, aos queixos típicos, á panadería e pastelería e ás cooperativas de alimentos ecolóxicos.

Na materia de Matemáticas incorporarase a iniciativa “Funcións” cos contidos “Da expresión á gráfica” e “Da gráfica á expresión”, nos que, a través dunha narrativa na que terán que liberar unha horta da praga de tres especies de toupas, o alumnado poderá traballar as funcións constantes, afíns e exponenciais (cuadrática ou parábola). No primeiro contido observará como se substitúen os valores que escolla na función, trasladaraos a unha táboa de valores e colocará os puntos da táboa nos eixos de coordenadas para construír a gráfica da función. No segundo percorrerá o camiño inverso, extraendo os puntos dunha gráfica para crear a táboa de valores e identificar a expresión alxébrica correspondente. ​

En Bioloxía e Xeoloxía publicarase o contido “Laboratorio de Té Kombucha”, que permitirá ao alumnado comprender o proceso de cultivo do té kombucha e as súas aplicación prácticas e creativas. Constará dun laboratorio virtual no que expor o cultivo a distintas variables para extraer conclusións sobre o proceso aplicando o método científico.

Para o traballo en Ciencias Sociais ampliarase a iniciativa “Misión Sistema Solar” co contido “Visión holográfica: Planetas”, no que o alumnado poderá empregar una pirámide holográfica para achegarse a estes corpos celestes en 3 dimensións.

En Física e Química publicarase o segundo contido da iniciativa “Química manipulativa”, “Reaccións químicas”, un laboratorio virtual que permitirá ao alumnado traballar con fichas 3D para representar e axustar reaccións químicas con diferentes niveis de dificultade a través dunha secuencia de actividades manipulativas con feedbak automático que fomentará a interiorización de conceptos por parte do alumnado.

Na materia de Educación Emocional na Aula as novas versións do contido “Viaxe emocionante” para primaria e secundaria incorporarán unha nova parada nunha vila de Ourense na que o alumnado traballará a regulación emocional do medo, da tristeza e da ira a medida que avanza no seu percorrido pola Ribeira Sacra e se enfronta a diversas situacións que lle permite afondar neses sentimentos.

Por último, actualizaranse os contidos “Intelixencia Artificial: guía do profesorado” nas súas versións en galego e castelán, incorporando, como xa se comentou, unha sección de webgrafía e recursos e unha serie de imaxes descargables para o traballo dos conceptos na aula e para a programación de UX1A con intelixencia artificial.