28 de xaneiro, Día Internacional da Protección de Datos. Que é a Axencia Española de Protección de Datos?

Hoxe, 28 de xaneiro, celébrase o Día Internacional da Protección de Datos, data proclamada en 2006 polo Consello de Europa co obxectivo de informar e concienciar sobre os dereitos e obrigacións en materia de protección de datos.

En todo o ámbito europeo, a norma que garante a protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais é o Regulamento xeral de protección de datos ou RXPD.

Pola súa banda, a Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD) adapta a lexislación española ao devandito Regulamento.

Aproveitando esta data, lembramos que a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) é a  autoridade de control encargada de supervisar a aplicación do RXPD e a LOPDGDD. As súas resolucións adoitan ser noticia polo importe das súas sancións ás entidades do sector privado, pero a AEPD desenvolve outras importantes funcións.

 

 

Cales son as funcións principais da AEPD?

  • Exercicio de dereitos: a AEPD tutela os dereitos que a normativa vixente recoñece ás persoas interesadas a fin de que sexan debidamente atendidos polos responsables do tratamento.

  • Reclamacións: a AEPD xestiona as reclamacións das persoas que detecten algún incumprimento da normativa respecto dos seus datos persoais.

  • Menores: a AEPD dispón de canles de consulta específicas ás que acudir ante cuestións relacionadas co tratamento de datos de menores. Están dispoñibles en https://www.tudecideseninternet.es/aepd/

  • Canle prioritaria para a retirada de contidos sensibles: a AEPD ofrece unha canle prioritaria para solicitar a retirada de imaxes ou audios de contido sexual ou violento  publicados en Internet sen o consentimento das persoas afectadas (https://www.aepd.es/canalprioritario/)

  • Funcións consultivas: regúlanse na  Instrución 1/2021, do 2 de novembro da AEPD  as seguintes funcións consultivas da AEPD:

    • Relacionadas coa actividade normativa, tanto lexislativa como regulamentaria.
    • Dirixidas ás persoas interesadas ou  á cidadanía, cando estas as soliciten.
    • Consultas elevadas polos Delegados/as de protección de datos (DPD): a AEPD pode ser consultada polos DPD baixo certos requisitos.
    • Función consultiva específica, cando as conclusións dunha avaliación de impacto amosen que o tratamento ao que se refire entrañaría un alto risco.

Para ampliar esta información, vostede pode consultar o seu portal web corporativo en https://www.aepd.es/es