Ágora dixital
Un prompt é un conxunto de palabras en forma de instrución escrita que se lle proporciona a un sistema intelixente para que xere unha resposta. Pode ser outro texto ou un produto dixital creado mediante intelixencia artificial como unha imaxe ou un vídeo.
Se nos centramos neste ámbito, o da IA, ao falar de prompting estamos a referirnos a como formular unha pregunta a un modelo de linguaxe natural para que este poida ser capaz de ofrecernos unha resposta concisa, clara e adaptada ás nosas necesidades.
En canto empeces a coñecer as novas ferramentas xerativas, comprobarás que escribir un bo prompt, proporcionándolle ao modelo a información necesaria ben estruturada, garante a calidade dos resultados mostrados. Como case todas as habilidades, desenvólvese escribindo e avaliando a información recibida.
A enxeñaría de prompts céntrase no desenvolvemento e optimización dos textos ou suxestións que serven de guía aos sistemas de IA na xeración de respostas e contido dixital. Estas indicacións son fundamentais na comunicación entre a persoa usuaria e o sistema intelixente.
Estas son algunhas ideas para ir mellorando a redacción dos prompts:
- Especificidade: incorpora toda a información sobre o contexto e o contido da resposta.
- Linguaxe adecuada: escribe indicacións con estruturas gramaticais adecuadas que inclúan oracións ben redactadas cun contido o máis específico posible.
- Uso de estilo: ao describir a acción, indícase o estilo ou nivel no que se espera recibir a resposta, formal ou informal, nivel de lingua, etc.
- Proporcionar explicacións: é conveniente incluír unha serie de indicacións paso a paso. Se é posible, procura adxudicar un papel ou rol no que situar a contextualización para unha resposta máis efectiva.
Se queremos dar unha estrutura xeral para dar forma a un prompt propoñemos a seguinte: contexto, instrución e detalles. Lembra que sempre podes axudarte doutras ferramentas para redactar boas indicacións.