Ágora dixital
O concurso Ciencia en Acción, que xa vai pola súa 26ª edición, convértese ano tras ano nun referente na divulgación científica en España, Portugal e América Latina. Esta iniciativa busca achegar a ciencia e a tecnoloxía á cidadanía de forma amena, rigorosa e creativa, e vai dirixida a profesorado de todos os niveis educativos, estudantes maiores de 16 anos, investigadoras, comunicadoras científicas e persoas apaixonadas pola ciencia.
As persoas participantes poden inscribirse ata o 5 de xuño de 2025 a través da web oficial web.cienciaenaccion.org, onde deben cubrir unha ficha de proxecto e achegar un resumo en castelán e inglés. O proxecto presentarase seguindo a plantilla oficial dispoñible na web, e poderá facerse de xeito individual ou en grupo, con ou sen presentación presencial.

Dúas modalidades de participación
-
Modalidades online, con avaliación exclusivamente telemática, inclúen categorías como materiais didácticos, curtas científicas ou traballos de divulgación. Estes recibirán os seus premios sen pasar pola feira final.
-
Modalidades presenciais, como experimentos en física, química, tecnoloxía ou proxectos STEAM, contan cunha fase final aberta ao público en outubro de 2025, onde se expoñen os traballos seleccionados na Feira de Ciencias.
Ciencia en Acción premia a calidade, a orixinalidade e o impacto educativo dos proxectos, cun xurado especializado que pode seleccionar os mellores traballos para representar a Iberoamérica no evento europeo Science on Stage.