Ágora dixital
A Cátedra ALDABA-WIB: Women, ICT & Business presentou o I Premio “Vídeos pola Igualdade”, unha iniciativa destinada a fomentar a participación das mulleres nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) entre a mocidade galega. A convocatoria está dirixida ao alumnado de 1.º e 2.º da ESO de centros educativos de Galicia, que poderá participar mediante a creación de vídeos de ata tres minutos de duración.

O obxectivo do certame é promover a reflexión sobre os estereotipos de xénero asociados ao ámbito tecnolóxico, visibilizar referentes femininos nas TIC e incentivar o interese das mozas por este sector estratéxico. Os traballos deberán estar pensados para a súa difusión en redes sociais, empregando mensaxes creativas, inclusivas e que transmitan valores de igualdade.
O prazo de presentación estará aberto ata o 25 de marzo de 2026 ás 23:59 horas. O centro educativo gañador recibirá un premio de 1.000 euros, que deberá destinar á adquisición de libros ou material informático para mellorar os seus recursos formativos.
A entrega do galardón celebrarase arredor do 23 de abril de 2026, coincidindo co Día Internacional das Nenas nas TIC. Con esta acción, a Cátedra ALDABA-WIB reforza o seu compromiso coa igualdade e coa promoción do talento feminino no ámbito tecnolóxico.