Proxecto MEDRA
Competencias
Palabras Clave

 

MediPIX para Estudo e Detección de Radiación nas Aulas

O proxecto MEDRA é unha iniciativa promovida polo EduLab do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). O seu obxectivo é que o estudantado de secundaria e bacharelato en Galicia poida desfrutar da súa primeira experiencia investigadora en física nuclear de partículas. Neste curso 2024/2025, o certame celebra a súa terceira edición.

Remote video URL

 

Para desenvolver o proxecto, utilizaranse varios Minipix, uns detectores híbridos de última xeración desenvolvidos polo CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear). Estes dispositivos funcionan como unha cámara, fotografando as pegadas que deixan as partículas procedentes do cosmos ou dunha fonte radiactiva ao atravesar o sensor. Estas pegadas permiten identificar o tipo de partícula, a súa enerxía, a carga eléctrica, a súa orixe e a súa traxectoria.

Desenvolvemento

O profesorado recibirá formación, prevista para o venres 15 de novembro de 2024 en horario de tarde, sobre o funcionamento do detector e a actividade a desenvolver, así como unha guía docente para realizar exercicios relacionados coa física nuclear e de partículas cun enfoque experimental e totalmente participativo na aula.

Despois, o IGFAE prestará un Minipix durante tres semanas aos centros seleccionados para realizar un experimento, que poderá ser proposto polos propios centros ou asignado polo IGFAE, coa finalidade de adquirir e analizar datos. Posteriormente, será preciso redactar un artigo científico cos resultados obtidos e envialo a unha revista científica do ámbito educativo para a súa publicación. En novembro, durante a Semana da Ciencia, o IGFAE organizará unha xornada onde o estudantado e o profesorado presentarán o traballo realizado, emulando un congreso científico.

Como podes participar?

Se queres que o estudantado do teu centro realice un proxecto de investigación semellante aos que se desenvolven no IGFAE, deberás cubrir o formulario dispoñible nesta páxina.

Cóntanos por que debería ser un dos proxectos seleccionados:

  • Gustaríache ter unha primeira experiencia no mundo da investigación en física?
  • Hai un club de ciencias no teu centro?
  • Participaches, ti ou o teu alumnado, nalgún proxecto científico?
  • Formades parte do programa STEMBach?

Antes de dispoñer do detector, o persoal do IGFAE proporcionará o manual do proxecto e outros materiais formativos para garantir o uso correcto do dispositivo. Durante todo o proceso, os grupos contarán coa colaboración e apoio do persoal do IGFAE para desenvolver o proxecto con éxito.

Imaxe
Igfae 1

 

Aspectos a ter en conta!

O profesorado responsable do proxecto en cada centro seleccionado comprométese a asistir a unha sesión formativa o venres 15 de Novembro de 2024, en horario de tarde.

Cada centro disporá dun detector e o experimento realizarase en grupos reducidos duns 4 estudantes, elixidos polo docente, para optimizar a experiencia. Nivel educativo suxerido: 4º de ESO e 1º ou 2º de Bacharelato.

O artigo científico deberá ser redactado en inglés, polo que é importante que profesorado e estudantado teñan coñecementos do idioma.

O inicio previsto do Proxecto MEDRA é Novembro de 2024 e finalizará en Maio de 2025. Os centros comprometeranse a completar o proxecto e a asistir á xornada de final de curso.

Os centros utilizarán o Minipix e custodiarano co maior coidado e seguridade durante todo o experimento.

r MiniPix: consta de cinco vídeos que explican as claves do detector co que se traballa no proxecto MEDRA