Ágora dixital
Nesta experiencia coñeceremos o funcionamento da comunicación NFC (Near Field Communication) para comunicar dispositivos sen fíos. Un exemplo común do uso da NFC é o pagamento móbil. Moitos teléfonos móbiles modernos conteñen a tecnoloxía NFC que lles permite conectarse con terminais de pago NFC. Ao achegar o teléfono ao terminal de pago, establece unha conexión NFC e transfire a información necesaria para realizar o pagamento. Isto é rápido e cómodo, xa que non require inserir fisicamente unha tarxeta de crédito ou débito.
Pero a NFC emprégase tamén en:
- Tarxetas de transporte público, permitindo ás persoas usuarias pasar a tarxeta pola superficie dun lector NFC para pagar o transporte sen ter que inserir fisicamente a tarxeta nunha máquina.
- Chaves NFC para abrir portais de edificios, armarios, coches, etc.
- Etiquetas NFC ou etiquetas intelixentes. Estas etiquetas conteñen información almacenada e poden ser programadas para realizar accións específicas cando un dispositivo NFC se achega a elas. Por exemplo, podes colocar unha etiqueta NFC na túa mesa de noite e programala para que active o modo silencioso do teu teléfono cando o achegues á etiqueta antes de durmir.
Podes empregar a NFC para moitísimas cousas así que pon a funcionar o teu maxín.
Cesta de materiais
Preme nos puntos interactivos da imaxe e nas ligazóns que che propoñemos a continuación:
- A aplicación móbil (válida para iOS ou Android) NFC Tools.
- A aplicación móbil (válida para Android) NFC Tasks (opcional, só necesario para programar tarefas complexas).
Mans á obra
- Paso 1
-
- Para aprender o funcionamento da tecnoloxía NFC, imos programar unha tarxeta intelixente para colocala nun chaveiro e que mostre a información de contacto en caso de perda das chaves.
- Para ler o contido ou gravar unha tarxeta NFC, debemos aproximar a tarxeta ao lector de tarxetas NFC do móbil. Normalmente está situado na parte posterior na zona esquerda da cámara.
Unha vez achegada ao móbil reproducirase un son e o móbil mostrará un texto ou realizará a tarefa programada na tarxeta intelixente.
Se a etiqueta está baleira mostrará unha mensaxe “Tipo de etiqueta descoñecido.”
Imaxe - Paso 2
-
- Abrimos a aplicación NFC Tools.
- Seleccionamos a opción de “Escribir” e prememos en “Engadir un rexistro” e despois “Texto”.
Imaxe - Paso 3
-
- Escribimos o texto coa información de contacto. Por exemplo: “Estas chaves pertencen a (o teu nome), por favor chama (o número de teléfono do centro) para devolvelas. GRAZAS!” e prememos o botón “Validar”
Imaxe - Paso 4
-
- O seguinte paso é trasladar a información á tarxeta intelixente, é dicir, escribir a información na tarxeta. Para iso, prememos na opción “Escribir”, mostrarase unha ventá emerxente na que nos solicitan que acheguemos a tarxeta intelixente ao lector (situado na parte posterior, normalmente á esquerda da cámara). Ao achegar a tarxeta de forma automática, se non hai ningún erro, mostrarase a mensaxe “Escritura terminada”.
Imaxe - Paso 5
-
- Toca probar o funcionamento da tarxeta intelixente. Para iso, pechamos a aplicación NFC Tools e achegamos a tarxeta intelixente ao lector do móbil, que debería mostrar de forma automática o texto gravado.
Imaxe - Paso 6
-
O programa NFC Tools permite empregar as etiquetas intelixentes para outras moitas opcións, por exemplo:
- Mostrar un vídeo (Escribir > Engadir rexistro > Vídeo) empregando un enlace a Youtube.
- Gardar un contacto no móbil, empregando a tarxeta intelixente como unha tarxeta de visita (Escribir > Engadir rexistro > Contacto).
- Mostrar unha localización en Google Maps (Escribir > Engadir rexistro > Localización personalizada).
- Facer unha chamada a un número (Tarefa > Teléfono > Marcar).
- Prender e apagar a lanterna do móbil (Tarefa > Diverso > Lanterna -- Interruptor).
E moitas máis! Agora toca que o alumnado investigue e configure as súas propias funcións nas tarxetas intelixentes. É moi importante borrar o contido da tarxeta antes de volver a gravala.
Para borrar o contido dunha tarxeta, cómpre seguir os seguintes pasos:
- Seleccionar a opción “Outro” do menú principal de NFC Tools.
- Premer na opción “Borrar unha etiqueta”.
- Achegar a etiqueta ao lector.
- Se non houbo ningún error, mostrarase a mensaxe “Tarxeta borrada”.
Imaxe
Tips docentes
Os tips do profesorado son pequenas axudas para desenvolver a estratexia educativa de forma adecuada.
No punto 2, cumpriría explicar ao alumnado o funcionamento da tecnoloxía NFC (Near Field Communication) para conectar dispositivos sen fíos.
NFC é unha tecnoloxía de comunicación sen fíos de curto alcance que permite a transmisión de datos entre dispositivos que se atopen a pouca distancia un do outro, xeralmente uns poucos centímetros.
O funcionamento do NFC baséase no principio da indución electromagnética. Os dispositivos NFC conteñen unha antena que permite a transmisión e a recepción de datos a través dun campo electromagnético. Ao achegar dous dispositivos NFC, as súas antenas interactúan entre si e intercambian información.
Podemos preguntar:
- Que usos coñeces da tecnoloxía NFC?
Resposta: Pago co móbil, apertura de armarios, apertura de coches, apertura da porta dun edificio, tarxetas de transporte público, etc.
- Coñecedes os códigos QR? Que vantaxe considerades que ten NFC fronte os códigos QR?
Resposta:
Os códigos QR (Quick Response) ou "códigos de resposta rápida" son códigos de barras bidimensionais que conteñen información codificada. Estes códigos están compostos por puntos, liñas e módulos que poden ser escaneados por unha cámara de teléfono intelixente ou un dispositivo específico. Ao escanear o código QR, o dispositivo pode interpretar a información e realizar accións específicas.
Agora, pasemos a comparar as vantaxes de NFC en relación cos códigos QR:
- Comodidade e rapidez: NFC permite a comunicación sen fíos só con achegar dous dispositivos, mentres que os códigos QR requiren o uso dunha cámara para escanear e interpretar o código. NFC é máis rápido e cómodo para realizar accións como pagamentos ou intercambio de información.
- Interacción directa: NFC permite a interacción directa entre dispositivos, sen necesidade de intermediarios. Ao achegar dous dispositivos NFC, a comunicación establécese instantaneamente. Con códigos QR é necesario escanear o código e despois interpretar a información, o que require máis pasos e pode ser máis incómodo. Por exemplo, nun traballo onde o persoal leve luvas e resulte complexo activar a cámara do móbil para facer o escaneo, con NFC soamente hai que aproximar o móbil á tarxeta.
- Seguridade: NFC ofrece un nivel máis alto de seguridade en comparación cos códigos QR. A conexión NFC require que os dispositivos estean en contacto físico moi próximo, o que fai máis difícil que se realicen ataques ou suplantacións de identidade. Os códigos QR poden ser escaneados sen necesidade de proximidade física, o que pode expoñernos a posibles ameazas de seguridade.
- Capacidade de información: NFC ten unha capacidade máis ampla para transmitir información. Ademais de transferir datos básicos como enlaces URL, NFC pode intercambiar información de contacto, realizar pagamentos con datos cifrados, conectar a dispositivos de audio, Bluetooth e moito máis. Os códigos QR conteñen principalmente texto ou enlaces e teñen unha capacidade de información máis limitada.
- Versatilidade: NFC é unha tecnoloxía máis versátil en termos de aplicacións e dispositivos compatibles. Móbiles, tarxetas de crédito, etiquetas intelixentes, terminais de pagamento, dispositivos multimedia e moitos outros dispositivos incorporan NFC. Os códigos QR requiren unha cámara e unha aplicación específica para escanear e interpretar os códigos
No punto 8, podemos comentarlle ao alumnado outras posibilidades de uso de tarxetas intelixentes e fomentar unha chuvia de ideas para que xurdan novas utilidades e intentar que o alumnado investigue e programe as súas tarefas.
Exemplos:
- Pegar unha tarxeta intelixente detrás dunha foto e ao achegar o móbil á foto, que chame, para persoas maiores.
- Unha pulseira cunha etiqueta intelixente que mostre unha mensaxe orixinal para un agasallo.
- Unha pulseira que mostre a información de contacto dun neno ou nena en caso de perda.
- Unha etiqueta preto dun cadro para mostrar a súa información.
- Chaveiro para mostrar o teléfono de contacto en caso de perda.
- Pulseira para menores coas intolerancias alimenticias para excursións.