Ciberseguridade básica

Ciberseguridade básica

Na seguridade das tecnoloxías da información búscase un equilibrio entre a funcionalidade e a seguridade. As ameazas ás que se enfrontan os equipos informáticos son numerosas e variadas, polo que é importante coñecelas e tomar as medidas adecuadas para previr e combater a súa incidencia.

Os equipos informáticos que dependen da AMTEGA contan cunha serie de medidas de seguridade, como antivirus e devasas. Pero é importante que cada persoa usuaria siga unha serie de recomendacións para evitar infeccións e problemas de seguridade. Estas son algunhas: 

  • Sexa prudente ao compartir recursos a través da rede:
    Non comparta recursos se non é necesario, e fágao sempre cun bo contrasinal. Compártaos só coas persoas que o necesitan, que non estean accesibles para todo o mundo. Sempre que sexa posible, compártaos como de "só lectura". Nunca comparta o disco duro con privilexios de escritura, mesmo con contrasinal, porque pode ser vulnerable aos ataques dun "hacker".
  • Verifique antes de abrila cada nova mensaxe de correo recibida:
    Se lle chega por correo un ficheiro executable, comprimido, ou con calquera outra extensión que non solicitara, non o execute, aínda que veña dunha persoa coñecida. O máis recomendable é borralo ou, en todo caso, comprobar se o/a remitente realmente llo enviou adrede. En caso contrario, bórreo definitivamente.
  • Non descargue programas de lugares non seguros de Internet:
    A descarga de programas desde Internet desde sitios web que non ofrezan garantías non está permitida. Lembre que estes arquivos poden estar infectados con virus. Adoitan ser sitios seguros aqueles que amosan unha información clara acerca da súa actividade e os produtos ou servizos que ofrecen; tamén os avalados por organizacións tales como editoriais, organismos oficiais etc.
  • Copias de seguridade:
    Realizar copias periódicas e frecuentes da información é unha moi boa forma de minimizar o impacto dun virus, polo que debemos gardar a información do noso traballo, sempre que sexa posible, nos cartafoles do servizo de ficheiros corporativo, aos que se lles realiza un respaldo frecuente e automático de toda a información almacenada. Así, unha perda de datos causada por un virus pode ser superada mediante a restauración da última copia realizada.
  • Utilice software legal:
    O risco de infección é menor se no seu ordenador só instala programas legais. É imposible asegurar que estea libre de virus calquera software que chegue ao seu poder de xeito ilícito, ben sexa por copias piratas dun programa ou por calquera outro medio que permita evitar a protección do fabricante.
  • Macros:
    Se cando abre un ficheiro de Office lle avisa que ten macros, ábrao sen macros. É posible que sexa un virus.
  • Bloqueo do equipo:
    Cada vez que se ausente do seu equipo persoal, bloquee o equipo, de modo que sexa preciso a introdución do seu contrasinal para volver empregalo. Deste xeito evitará que alguén poida empregar o seu equipo sen o seu consentimento.
  • Uso do antivirus:
    Se procede, realice escaneamentos periódicos do seu equipo empregando o antivirus do que dispoña.
Imaxe
Ciberseguridade básica