Novidades do RXPD

Novidades do RXPD
Que novidades introduce o RXPD

O RXPD (Regulamento Xeral 2016/679 de Protección de Datos) e a LOPDGDD (Lei Orgánica 3/2018 de Protección de Datos), no seu desenvolvemento, implantan un novo sistema proactivo fronte ao anterior sistema reactivo que en España, e na Xunta de Galicia, estaba implantado seguindo a antiga LOPD de 1999.

Entre outras cuestións, as principais novidades que trae a regulación europea son conceptos como bases legais do tratamento, novos dereitos para a cidadanía incluíndo o dereito de información, a regulación do consentimento explícito, análise de riscos, avaliacións de impacto, rexistro de actividades do tratamento, delegado/a de protección de datos, regulación dos datos relativos a persoas falecidas ou tratamento de datos de menores. Resulta esixible desde o 25 de maio de 2018.

 

Que é a LOPDGDD

A Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais é a norma de desenvolvemento dalgúns dos aspectos do RXPD, de xeito que adapta a lexislación española á normativa europea, eliminando así situacións de incerteza derivadas da existencia de normas no dereito nacional que puidesen resultar incompatibles co europeo. Entrou en vigor o 7 de decembro de 2018 e é aplicable desde esa data.

A LOPDGDD remite ao Esquema Nacional de Seguridade ou ENS (que foi aprobado polo RD 3/2010) para a aplicación de medidas de seguridade no ámbito das Administracións públicas.

 

Que é o DPD

O/a delegado/a de protección de datos (DPD) é unha nova figura creada polo RXPD que informará e asesorará as persoas responsables ou encargadas do tratamento, supervisará o cumprimento do Regulamento, ofrecerá asesoramento na avaliación de impacto se fose necesaria a súa realización, cooperará coa autoridade de control e actuará como punto de control.

O RXPD fixou como obrigatorio o nomeamento dunha persoa delegada de protección de datos, entre outros, nos supostos de tratamentos levados a cabo por autoridades ou organismos públicos (excepto tribunais no exercicio da súa función xudicial).

 

Que dereitos lles recoñece o RXPD ás persoas afectadas

O RXPD recolle como dereitos dos/as interesados/as os seguintes: dereito á información, dereito de acceso, dereito de rectificación, dereito de supresión, dereito de oposición, dereito de limitación e dereito de portabilidade.

  • O dereito de acceso é o dereito a obter do/a responsable do tratamento a confirmación de se se están tratando ou non datos persoais que concirnan á persoa interesada (e, no caso de que así sexa, coñecer os fins do tratamento, as categorías de datos que se trate, os/as destinatarios/as deses datos no caso de que se comuniquen e o prazo de conservación dos datos ou os criterios para conservalos) e a presentar unha reclamación ante a autoridade de control.
  • O dereito de rectificación é o dereito que terá calquera persoa interesada a obter sen dilación indebida a rectificación de datos persoais inexactos que lle afecten ou a que se completen os datos que estean incompletos.
  • O dereito de supresión é o dereito a obter sen dilación indebida a supresión dos datos persoais que concirnan á persoa interesada cando xa non sexan necesarios para os fins para os que foron recollidos, porque retiramos o consentimento dado no seu día, porque os datos foron tratados ilicitamente, porque deben suprimirse con arranxo a unha lei ou, en relación aos servizos da sociedade da información, se deu o consentimento sendo menor de 18 anos -e maior de 14- e posteriormente se exerceu o dereito de supresión.
  • O dereito de oposición é o dereito a opoñerse ao tratamento dos datos persoais cando, en virtude da situación particular do/a interesado/a, a base xurídica do tratamento sexa o cumprimento dunha misión en interese público, o exercicio de poderes públicos ou o interese lexítimo da persoa responsable.
  • O dereito de limitación do tratamento é o dereito a que o/a responsable limite o tratamento dos datos da persoa interesada, cando se impugne a súa exactitude e durante o prazo necesario para verificar polo/a responsable a exactitude dos mesmos. Tamén teremos dereito á limitación do tratamento cando o tratamento sexa ilícito e se solicite a limitación en lugar da supresión. Outro suposto de dereito a limitación do tratamento será cando o/a responsable non necesite os datos para os fins do tratamento pero a persoa interesada si para exercer o seu dereito de defensa. Finalmente tamén poderemos exercer o dereito á limitación do tratamento cando, unha vez exercido o dereito de oposición, o/a responsable do tratamento verifique se os motivos lexítimos da persoa responsable teñen preferencia sobre os da persoa interesada.
  • O dereito de portabilidade é o dereito a recibir os seus datos persoais nun formato estruturado, de uso común e lectura mecánica, e/ou a transmitilos a outro/a responsable do tratamento, cando o tratamento estea baseado no consentimento ou nun contrato e se leve a cabo por medios mecánicos.

O exercicio dos dereitos de protección de datos ten carácter gratuíto para as persoas interesadas.

 

Cales son as consecuencias de infrinxir o RXPD

Ademais das indemnizacións por danos e prexuízos que poidan corresponder a unha persoa interesada pola infracción dos preceptos do RXPD en relación aos seus datos, á persoa responsable do tratamento ou encargada do tratamento poderánselle impoñer multas administrativas.

A LOPDGDD, en desenvolvemento do RXPD, optou por non impoñer multas administrativas ás Administracións públicas, sen prexuízo da responsabilidade disciplinaria en que pode incorrer o seu persoal.

Imaxe
Regulamento Xeral Protección de Datos