Aulas sensoriais
Palabras Clave

 

CEIP Portofaro

Imaxe
portofaro

Unha aula sensorial é un espazo educativo deseñado para estimular e desenvolver os sentidos do alumnado. Este tipo de aula adoita incluír unha variedade de elementos e materiais para proporcionar diferentes tipos de estímulos sensoriais, como luces, sons, texturas e olores.
O obxectivo dunha aula sensorial é axudar a mellorar as habilidades cognitivas, motoras e emocionais do alumnado, así como tamén fomentar a súa curiosidade e creatividade. Ademais, pode ser útil para axudar o alumnado con necesidades especiais a sentirse máis cómodo e seguro na escola, xa que lle brinda un espazo tranquilo e confortable, onde pode explorar e aprender de maneira non tradicional.

A aula do CEIP Portofaro pretende ser un espazo de traballo transversal e multidisciplinar, un espazo ao que toda a comunidade educativa pode acceder para optimizar a aprendizaxe do seu alumnado. Desde o alumnado máis novo até o de máis idade, pasando polo persoal docente especialista e o departamento de orientación, onde se poden programar actividades para apoiar as aprendizaxes que se están desenvolvendo na aula ordinaria e facelas máis visuais, prácticas, manipulativas... e, en definitiva, máis sensoriais.

 

Imaxe
portofaro_3

Despois de dous anos de supresión de aulas no centro e dun sentimento de que algo máis especial se podía facer co alumnado, xorde a idea de transformar espazos pouco aproveitados. Póñense en marcha novas teorías educativas que conflúen nunha vertente práctica e manipulativa da aprendizaxe na que o alumnado pode promover con espontaneidade a súa autonomía. Confíreselle os e as estudantes a liberdade para poder desenvolverse dentro dun ambiente especialmente preparado para iso. As teorías de Montessori, os seus materiais naturais e o respecto polo ritmo de cada neno e nena inspiraron esta aula desde o principio.

 

O seu emprego está pensado para desenvolverse en pequeno grupo para aproveitar deste xeito toda a súa potencialidade, favorecer o libre movemento e optimizar as aprendizaxes. En canto á organización do espazo, as mestras do equipo de traballo valoraron a supresión de mobles tradicionais (cadeiras e mesas), en favor da presenza de poucos materiais visibles para favorecer o uso autónomo e a recollida, así como o emprego de materiais o máis naturais posibles.

Imaxe
portafora_4

 

A metodoloxía Montessori é o eixo que guía o labor docente neste novo espazo. Así, o respecto ao ritmo natural e individual, a liberdade de movemento, a autonomía e a aprendizaxe baseada na experiencia, o tocar, ver, manipular e sentir son os piares básicos a partir dos cales se estruturan as actividades que permiten acadar os obxectivos programados.