Un espazo de lecer no instituto
Palabras Clave

ESPAZOS confortables-espazos para o benestar e a mellora da convivencia no IES de Valadares en Vigo

Imaxe
Grafitti redondo

A transformación dun centro, necesita dunha modificación dos espazos, para adaptalos ás necesidades educativas, como defende a nova arquitectura pedagóxica. Estes espazos deben ser flexibles, adaptarse ás metodoloxías activas, facilitar que cada recuncho sirva para a actividade educativa, muros máis permeables, que dean visibilidade cara ao exterior  e incorporen o contexto exterior ao interior do centro.

Por enriba de todas estas premisas, o centro educativo debe ser un espazo confortable, que reduza o absentismo, que facilite a motivación do alumnado e profesorado, e que dea respostas a momentos de estrés emocional.

Para acometer as transformacións dos nosos espazos escoitamos ao alumnado, e incorporamos as súas propostas de mellora. O resultado son espazos para o seu desfrute, que melloran a convivencia no centro, non só nas horas de lecer senón tamén nos momentos máis difíciles, como medidas de apoio ao benestar emocional.

Incorporamos no patio do instituto mesas e bancos para que o alumnado poida saír a dar as clases no exterior. Contamos con capacidade suficiente para estar varios grupos á vez fóra, e así poder aproveitarmos os días de bo tempo.

Imaxe
Calistenia redondo

Tivemos un problema de pintadas nos baños do instituto e resolvémolo dedicando un muro para grafitis no patio, coordinado por un novo equipo, no que implicamos o propio alumno que fixo as pintadas. Este equipo prepara, deseña e pinta o muro de grafitis. Así damos visibilidade ao seu traballo, nun espazo que reclama a relevancia que esta arte ten para a xuventude.

Xunto a este muro, colocamos un parque de calistenia, que foi parte do trato que fixemos co alumnado por resolver entre todos e todas o problema das pintadas e do coidado do material do centro. Supón unha resposta máis para o apoio e benestar emocional do alumnado.

 

Se queredes ter máis información sobre o proceso, soamente teredes que poñervos en contacto co IES de Valadares, de bo grado poderán contarvos máis da súa experiencia.