Un espazo para as outras realidades

ATeQuIn 4.0 (Aula Tecnolóxica de Química Industrial 4.0) IES Sardiñeira da Coruña

 

 
Imaxe
E 4.1

 

O proxecto de Aula Tecnolóxica para a Química Industrial 4.0 do IES A Sardiñeira fai unha aposta pola adecuación das metodoloxías didácticas ás novas tecnoloxías de dixitalización aplicadas ás contornas industriais, así como á integración de ferramentas de interactividade nos laboratorios de análise e control de calidade dos produtos.

Na actualidade, estamos asistindo a unha nova revolución na industria que afecta directamente ao ensino na Formación Profesional a través da inclusión de sistemas de simulación que empregan Realidade Aumentada (RA), Realidade Virtual (RV) ou Realidade Mixta (RM). Estas tecnoloxías atópanse en pleno desenvolvemento sobre todo na industria da dixitalización e fabricación. Existen xa produtos educativos. Con todo, até o de agora, na industria química só existen algúns exemplos de aplicación normalmente deseñados en exclusiva para empresas privadas.

Este espazo ofrece ás persoas usuarias a posibilidade de realizar diferentes tipos de experiencias educativas, así como os recursos necesarios para elaborar materiais educativos dixitais de diversa natureza.

O espazo está formado por dúas aulas separadas por unha porta corredía que permite o uso dos espazos individual ou conxuntamente. Nel distínguense seis zonas de inspiración para desenvolver diferentes tipos de actividades: Presenta, Desenvolve, Investiga, Crea, Interactúa e Explora.

O espazo dispón de mobiliario flexible que permite diferentes tipos de agrupamentos. O primeiro espazo ten unha zona de croma equipada con sistema de iluminación e son, mesa de mesturas de vídeo e son, unha cámara 360º con trípode e dúas cámaras PTZ Minrray UV510AS-12 (zona Desenvolve). Ademais esta aula está equipada cunha pantalla OPS (con sistema Windows) de 86” na que realizar presentacións de proxectos, traballos, visualización de vídeos, etc. (zona Presenta) e unha mesa de laboratorio con subministración de auga e electricidade para desenvolver experimentos de investigación complementarios ao resto de laboratorios do centro (zona Investiga).

Na aula anexa (zona Crea), atópase a impresora 3D (Artillery X2) e un escáner 3D (Handy Sense). A zona Interactúa conta con gafas de realidade virtual Meta Quest 2 (7 unidades) e tamén hai unha do modelo Meta Quest Pro para desenvolver proxectos de realizade estendida. Tamén se dispón nesta aula de catro ordenadores con procesador e tarxeta gráfica axeitados á creación de escenarios de realidade virtual (Core i9 e i7), unha pantalla interactiva CleverTouch de 75” e encerados brancos para a xeración de ideas, así como para complementar e axudar á división de espazos se fose necesario.

En canto a software, integráronse na plataforma Moodle os laboratorios virtuais de LABSTER para complementar ás actividades de laboratorio específicas dos módulos dos ciclos de química. Non se trata de substituír, senón de poder reforzar e repasar os contidos procedimentais a través dun software científico. Ademais, emprégase software libre tanto para a modelaxe 3D (Blender, TinkerCad ou FreeCad) como para a creación de escenarios virtuais (Unity), e outros tipos de software máis específicos da química industrial para simular procesos (Factory I/O, Virtool VirMaq).

Imaxe
E4.2

A idea xorde a partir da participación das profesoras Alba Souto e Ana Álvarez, do Departamento de Ciclos, no proxecto de innovación “AFP21/00138-DIGITAL TWIN BOXES (DTB): Escenarios de entrenamiento competencial inmersivo en procesos y operaciones de mantenimiento industrial” [1]financiado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional – U.E. – Next Generation. Este proxecto emprega a realidade virtual para recrear contornas industriais virtuais de aprendizaxe para achegar a contorna e os equipamentos industriais ás aulas dun xeito inmersivo (xa que unha contorna industrial non se pode crear nunha aula), o cal require de ordenadores e software moi específicos, lentes de RV, etc.

Este proxecto sumado ao noso o interese por implementar novas metodoloxías de aprendizaxe leváronnos a presentar un proxecto na convocatoria de creación de aulas de Tecnoloxía Aplicada da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades do ano 2022.

O deseño final do noso espazo está inspirado no concepto de Aula do Futuro do INTEF en Madrid, que visitamos no mes de outubro no marco dun curso de formación do profesorado.

Imaxe
E4.3

Para implementar un espazo deste tipo foi necesario realizar obras de adaptación das aulas existentes xa que ata aquel momento eran almacéns de mobiliario antigo. Foi necesario cambiar e adaptar as instalacións eléctricas para soportar un grande número de equipos conectados, realizar obras de fontanaría para dispoñer dunha pequena zona onde realizar proxectos de innovación e investigación de laboratorio, cambiar a iluminación, pintar o espazo de cor branco para crear unha sensación máis ampla do espazo e realizar a instalación de conexión á Internet tanto por fíos como por WIFI.

Previamente á creación deste espazo, recibimos formación tanto no curso do INTEF sobre a “Ampliación de espacios físicos de aprendizaje con la realidad virtual y aumentada” na Aula do Futuro do INTEF de Madrid como a través da plataforma de formación FProfe da Consellería. Tamén, dentro do marco do proxecto do Ministerio de xemelgos dixitais, recibimos formación sobre Unity e a aplicación da realidade virtual na prevención do erro humano nas instalacións industriais. Ademais, no último trimestre deste curso académico, Carlos de Paz coordinou o PFFP “Aproveitamento da Aula ATeQuIn” co obxectivo de recibir formación especializada sobre o equipamento que temos neste espazo para achegar a todos os membros de departamento todos os recursos dispoñibles.