Ágora dixital
Todos os días estamos a observar posibles usos da intelixencia artificial (IA) na educación, así como propostas de aprendizaxe baseadas nela. Os avances en novas ferramentas son infinitos, pero non todo vale cando o queremos trasladar á nosa aula debido á variabilidade e múltiples características do noso alumnado.
Segundo a UNESCO, o vínculo entre a IA e a educación articúlase sobre tres ámbitos:
- Aprender coa IA (utilizando as ferramentas de IA nas aulas).
- Aprender sobre a IA (as súas tecnoloxías e técnicas).
- Prepararse para a IA (por exemplo, permitir que toda a cidadanía comprenda a repercusión potencial da IA na súa vida).
Se somos competentes para traballar con estas novas tecnoloxías e sacarlles todo o partido que presentan, debemos actuar con cautela. Como docentes debemos realizar un testeo e unha avaliación de resultados e de implementación, valorando se se adecúa ou non, e se respecta a seguridade dixital do alumnado.

Froito desa reflexión propoñemos un decálogo onde recollemos as 10 ideas básicas para achegar a IA aos centros educativos:
- Idea 1. Promover unha IA centrada no ser humano que respecte e protexa os dereitos humanos e a dignidade humana, e que teña como obxectivo mellorar as competencias e adecuar a interacción entre humanos e máquinas.
- Idea 2. Garantir a inclusión e a equidade no acceso, o deseño e o despregamento das tecnoloxías da IA na educación, evitando a discriminación, os nesgos e facilitando a inclusión.
- Idea 3. Desenvolver unha comprensión básica da IA e do uso de datos entre o alumnado e o persoal docente, para que poidan aproveitar o seu potencial de forma ética e crítica.
- Idea 4. Fomentar a innovación pedagóxica mediante o uso da IA para promover e personalizar a aprendizaxe, mellorar a motivación, facilitar a avaliación e apoiar ao profesorado.
- Idea 5. Respectar a privacidade e a seguridade dos datos persoais da comunidade educativa, así como os dereitos de propiedade intelectual e autoría.
- Idea 6. Asegurar a transparencia dos sistemas intelixentes na educación.
- Idea 7. Promover o pensamento crítico, a creatividade e o espírito emprendedor entre o estudantado e o persoal docente fronte aos desafíos da era da IA.
- Idea 8. Fomentar o diálogo intercultural, o respecto á diversidade e a cooperación global mediante o uso da IA na educación.
- Idea 9. Aplicar principios éticos universais e valores locais no desenvolvemento e a implementación da IA na educación.
- Idea 10. Evalúar constantemente o impacto social, ambiental e económico da IA na educación cunha mirada cara á IA verde.
Recomendámosche revisar estes documentos que poden darche unha visión máis ampla:
Unesco. Recomendación sobre la ética de la inteligencia artificial, 2021