Avaliando o ChatGPT
Palabras Clave

 

O ChatGPT (Generative Pretrained Transformer) impactou na vida educativa do persoal docente como unha ferramenta complementaria que pode ser de grande axuda. É importante destacar que o ChatGPT non pode substituír completamente ás persoas na aula. O seu uso debe ser complementario apoiando as habilidades e coñecementos pedagóxicos, en lugar de substituílos.  Polo seu potencial imos facer unha avaliación profunda do seu uso como apoio docente. Coñecer o que pode facer por nós permitiranos ter unha visión global desta ferramenta e determinar en que pode ser de axuda.

Imaxe
SWOT

Nesta avaliación en forma de DAFO determinaremos catro aspectos importantes: 

Debilidades:
  1. Dependencia tecnolóxica. O uso do ChatGPT por parte do profesorado pode xerar unha dependencia excesiva, confiando en exceso na tecnoloxía e nas respostas que propón sen pararse a usar outras formas de traballo.
  2. Falta de verificación. Proporciona, ás veces, respostas moi xerais, moi inespecíficas que son froito da procura de información en determinadas fontes das que non se ten seguridade de estar contrastadas.
  3. Limitacións na avaliación. Pode axudar dando respostas e explicacións máis amplas, pero ten dificultades para avaliar o progreso e o desempeño do alumnado. 
  4. Variabilidade de respostas dependendo do prompt. Depende dos cambios na formulación ou na reformulación da entrada e non ten grandes habilidades na resolución de problemas.
  5. Dependencia da calidade dos datos do adestramento. Se os datos de adestramento están nesgados van influír negativamente nas respostas obtidas ofrecendo resultados inexactos.
Ameazas:
  1. Respostas pouco concretas. Este chat escribe respostas plausibles pero incorrectas ou pouco contextualizadas no tema. Repite información e frases xerais, e sobreutiliza certas estruturas.
  2. Contribución á desinformación. Pode fornecer respostas que conteñen datos erróneos e citas ficticias, o que pode introducir rumbos informativos que deben ser detectados polo profesorado.
  3. Problemas técnicos ou de seguridade que poñan en risco a privacidade dos datos. Non sabemos con certeza como se adestra o modelo, nin onde se almacenan os datos, nin como se xestionan.
  4. Uso irresponsable e pouco ético. Co emprego indebido con alumnado menor de idade xa que é unha ferramenta dixital que necesita unha identificación con login.
  5.  Desvalorización do papel do docente. Unha parte da sociedade que non coñece ben o rol docente como experto e guía do proceso educativo pode malinterpretar o seu uso. 
Fortalezas:
  1. Eficiencia na xestión do tempo. Axuda o profesorado aforrando tempo ao proporcionar respostas rápidas e recursos adicionais, así como automatizando algunhas tarefas. Isto pode permitirlles liberar tempo para outras tarefas, como a preparación de leccións, a planificación do currículo e a retroalimentación individualizada.
  2. Acceso rápido a recursos e coñecementos. É instantáneo podendo obter unha ampla gama de recursos educativos, investigacións e ferramentas de apoio enriquecendo a súa materia e facilitando a mellora continua.
  3. Mellora conversacional en diferentes linguas. O ChatGPT pode interactuar de forma conversacional cordial e manter unha relevancia contextual en varios idiomas mellorando as habilidades lingüísticas.
  4. Xeración de contido estruturado. É capaz de crear correos, contos, poemas, táboas ben organizadas e con ideas innovadoras.
  5. Contribución á alfabetización informacional. Facilita a procura e a xestión da información cun impacto positivo no desenvolvemento da competencia dixital docente.
Oportunidades:
  1. Facilitación da aprendizaxe. O ChatGPT pode facilitar a aprendizaxe a distancia e o acceso á información en modalidades autoformativas.
  2. Apoio na planificación e deseño de situacións de aprendizaxe. O profesorado pode utilizar o ChatGPT para obter ideas, suxestións e exemplos adicionais. Isto pode axudar a diversificar e enriquecer o proceso de ensino, estimulando a creatividade e a innovación.
  3. Apoio na preparación de materiais complementarios. Pode axudar xerando ou modificando materiais educativos, como exercicios, probas ou presentacións. Estas ideas e suxestións rápidas deben ser adaptadas e personalizadas polo persoal docente segundo as necesidades específicas do seu alumnado.
  4. Integración noutras tecnoloxías para a recompilación e análise de datos. O ChatGPT, implementado en espazos virtuais, podería axudar nun futuro a recompilar datos e a realizar unha análise de áreas susceptibles de mellora no ensino. 
  5. Mellora da calidade e da eficiencia do ensino. Proporcionando respostas rápidas e personalizadas que se poidan trasladar ao alumnado, automatizando tarefas e aumentando en todo o proceso a eficiencia do labor docente.