Ágora dixital
O test de Turing é un instrumento de avaliación que se adoita empregar para verificar se unha máquina pode presentar un comportamento intelixente similar ao dun ser humano ou indistinguible deste. Foi proposto no ano 1950 por Alan Turing, matemático e científico da área das ciencias da computación, para poder abordar a posible intelixencia das máquinas e buscar unha solución á pregunta inicial suxerida.
Este test consiste no seguinte:
- Interveñen tres participantes: unha persoa avaliadora (A), un humano (B) e unha máquina baixo proba (C). A persoa avaliadora non está identificada e ocupa unha sala separada da máquina e do outro participante humano.
- O obxectivo do humano é convencer á persoa avaliadora de que é humano, e o da máquina é enganalo para que pense que tamén o é. A máquina debe ser capaz de responder as preguntas recibidas e participar activamente na conversación.
- A persoa avaliadora pode comunicarse coa máquina e co outro participante exclusivamente a través de texto, sen poder ter información visual ou auditiva sobre eles. Isto tradúcese en que a avaliadora non pode saber con quen está a interactuar, se o fai cunha máquina ou con outro humano.
- A persoa avaliadora fai preguntas e recibe respostas tanto da máquina como do outro participante humano. Pode realizar preguntas sobre calquera tema e os outros dous deben respondelas sempre.
- Despois dun tempo determinado de interacción e recepción de mensaxes, a persoa avaliadora debe decidir cal dos dous participantes é unha máquina e cal é humano.
- A máquina pasou o test se pode enganar a avaliadora e facerlle crer que é un ser humano nunha proporción significativa dos casos, non podendo distinguir entre o humano e a máquina con máis frecuencia que o azar. Neste caso, demostrou un nivel de intelixencia indistinguible da humana.
O test de Turing é importante en IA porque expón a posibilidade de que as máquinas poidan imitar o pensamento humano. Tamén xera debates sobre os límites éticos, filosóficos e sociais da intelixencia artificial e o seu impacto na sociedade, e fainos reflexionar sobre a nosa propia humanidade.
Agora ben, por que é importante o test de Turing no campo da IA?
A súa importancia radica en catro aspectos clave:
- Supón un desafío fundamental sobre a natureza da intelixencia e a conciencia humana.
- Constitúe un fito significativo que proporciona un marco para avaliar e comparar o rendemento dos sistemas de IA.
- Realiza unha comunicación en linguaxe natural (PLN) onde a máquina debe comprender e xerar respostas coherentes nun contexto conversacional sendo moi relevante para o desenvolvemento de asistentes virtuais, chatbots e sistemas de IA.
- Reflexiona sobre o significado de ser humano e a súa relación coas máquinas contemplando a posibilidade de replicar, nun futuro, as capacidades intelectuais e emocionais.
Con todo, o test de Turing tamén ten as súas críticas e limitacións, xa que non mide outros aspectos da intelixencia como a creatividade, a aprendizaxe ou a emoción. Se a IA pode pasar a proba, alcanzaría unha intelixencia similar á humana? De momento non podemos chegar a afirmalo categoricamente. Están a compartirse investigacións que utilizaron modelos (como é o caso de ChatGPT) que é capaz de mostrar respostas similares ás humanas enganando así a persoas avaliadoras con experiencia.