Detectives de Crisis Climánticas

  

O proxecto Detectives de crises climáticas e medioambientais está concibido como un recurso flexible e modular, que permite ao profesorado adaptalo con facilidade a distintos contextos educativos, niveis e tempos dispoñibles. Pode empregarse seguindo as seis sesións de maneira secuencial ou de forma independente, seleccionando unicamente aquelas actividades, vídeos explicativos ou propostas prácticas que mellor se axusten á programación da aula.

Un dos seus principais valores é a posibilidade de traballar non só as sesións por separado, senón tamén os vídeos explicativos e as actividades prácticas programables de maneira autónoma. Cada sesión é independente e ofrece contidos que poden empregarse como punto de partida para debates, investigacións guiadas ou proxectos interdisciplinares, favorecendo unha aprendizaxe activa e contextualizada.

 

Imaxe
Detectives de crisis climánticas

 

Os materiais inclúen introducións conceptuais claras para o profesorado, presentacións con vídeos elaborados por persoal investigador do CSIC, actividades prácticas autoguiadas e recursos imprimibles, o que facilita a súa integración tanto en aulas presenciais como en contornas dixitais.

A Sesión 1, Que son o cambio climático e o efecto invernadoiro? introduce os conceptos básicos para comprender o quecemento global, diferenciando entre causas naturais e humanas, e sentando as bases para interpretar fenómenos extremos cada vez máis frecuentes en España, como as ondas de calor ou as secas prolongadas.

Na Sesión 2, Descubrindo o clima do pasado, o alumnado aprende como as Xeociencias permiten reconstruír climas antigos a través de sedimentos, xeo ou fósiles, comprendendo que o clima sempre cambiou, pero nunca á velocidade actual.

A Sesión 3, O papel dos océanos como reguladores do clima pon o foco nos mares e océanos como grandes almacenadores de calor e CO₂, e analiza como a súa alteración afecta ao clima e ao ciclo da auga.

A Sesión 4, dedicada á contaminación de océanos e solos, aborda o impacto dos residuos e das substancias contaminantes, conectándoo con problemas reais como a degradación dos solos agrícolas e a contaminación dos acuíferos.

Especial relevancia ten a Sesión 5, O problema da auga no noso país, onde se analizan a escaseza hídrica, a sobreexplotación dos acuíferos e os conflitos polo uso da auga no contexto español, aspectos de especial actualidade.

Finalmente, a Sesión 6, É hora de actuar: é sostible o teu instituto? convida a pasar á acción mediante a análise do propio centro educativo, fomentando propostas reais de mellora ambiental e sustentabilidade.

 

Imaxe
DCC 2

 

Ademais, o proxecto destaca pola súa conexión directa coa investigación científica actual, ofrecendo a posibilidade de contactar con investigadoras e investigadores que traballan activamente en temas clave das crises climáticas e medioambientais, achegando a ciencia á aula e reforzando o vínculo entre coñecemento científico, territorio e compromiso social.