Extraendo auga do subsolo
Competencias

 

Unha pelota non se eleva espontaneamente, o café non escapa da taza cando almorzamos... Por que a auga sae do subsolo sen que teñamos que facer nós nada? Nesta experiencia comprenderás os conceptos de hidrostática precisos para comprender o funcionamento das fontes, observando o funcionamento dunha fonte histórica, a Fonte de Herón.

Imaxe
M42 Imx01

 

Cesta de materiais

Preme nos puntos interactivos da imaxe.

 

Mans á obra

Paso 1
  • Constrúe a fonte de Herón e observa o seu funcionamento. Para isto, unha vez teñas a fonte, debes encher a botella do medio de auga, para o que podes desenroscar a tapa ou empregar a sistema de tubaxes de forma intelixente. Introduce auga no compartimento superior da fonte e observa o que acontece. Ten coidado! Non te poñas fronte á saída da fonte se non queres rematar mollado.
     Paso 2
    • Propón hipóteses que expliquen o que está a acontecer. Realizade unha chuvia de ideas na clase, de forma ordenada e argumentada.
    Paso 3
    • Valida/Refuta as túas hipóteses realizando diferentes experimentos, ou modificando a fonte. Podes soprar por algún tubo, intercambialos, introducilos máis ou menos nas botellas.
      Paso 4
      • Extrae conclusións sobre o acontecido en base á experimentación. Aplica o aprendido e explica o funcionamento dunha fonte natural. Ocórreseche algunha outra aplicación?

      Paso 5

       

      Comunica os resultados. Redactade en grupo un pequeno informe sobre o observado e as conclusións obtidas. Recordade empregar unha linguaxe científica. O informe debe ser breve e incluír os seguintes apartados:

      1. Introdución: Cal era o problema? Que observaches? 
      2. Hipóteses: Que hipóteses propuxéstes na clase? Cales decidistes verificar/refutar? Que experimentos deseñastes?
      3. Resultados: Que observastes ao modificar a fonte de Herón? 
      4. Análise de resultados: Que hipótese se verificou? Como aplicas as leis ou teorías científicas para explicar o fenómeno observado?
      5. Conclusións: Que conclusións obtivestestes? Como explicas, en base ao aprendido, o funcionamento dunha fonte natural? Ocórreseche algunha outra aplicación?

       

      Tips docentes

      Consellos técnicos

      Os consellos técnicos serviranche para construír a fonte sen problemas, tanto co alumnado coma por ti mesmo/a:

       Intenta facer os furados o máis axustados posible ao diámetro do tubo. Se consegues que entren a presión sen precisar cola termofusible terás menos problemas coas fugas.

       Intenta que as botellas queden o máis verticais posibles, queda mellor esteticamente e dura máis tempo.

       Se a utilizas varios anos, revisa que funciona antes de utilizala. 

      No seguinte vídeo podes ver un exemplo de como debería quedar e funcionar a fonte de Herón, o que che axudará a comprender como funciona.

      Remote video URL

       

      Orientacións e variacións metodolóxicas

      Os seguintes puntos son só consellos e posibles variacións que se poden adaptar mellor ás túas preferencias. Podes realizar todas as modificacións que consideres oportunas.

       Cando está a piques de baleirarse a botella central, o tubo comeza a cuspir aire/auga. É moi importante estar lonxe de dispositivos con risco de dano por auga. Tamén é recomendable que ninguén se poña fronte ao tubo, xa que o vai a salpicar.

       Resulta interesante realizar un proxecto compartido entre os Departamentos de Física e Química e de Tecnoloxía. Neste caso o alumnado podería construír as fontes, coñecendo e aprendendo a usar as diferentes ferramentas do taller de tecnoloxía, e recoñecería a aplicación tecnolóxica dos conceptos e leis físicas.

       Pódense empregar ferramentas como Mentimeter para a chuvia de ideas, aínda que un debate ordenado é o máis interesante. É importante darlle tempo neste aspecto, e "obrigarlles" a xustificar as súas respostas. Podemos guialos cara a solución facéndolles pensar nas variacións de presión que facemos ao sorber ou soprar cunha palliña, e o efecto que produce no líquido.

       Para a elaboración de informes é recomendable empregar ferramentas de edición de texto compartido. Deste xeito poden rematala na casa se non son quen de rematala na sesión. Poden empregar Google Docs, ou crearlle a cada grupo un documento en Abalarbox.

       É posible variar o número de integrantes do grupo, e incluso realizar a tarefa de xeito individual.

       Tras a realización da experiencia, pode facilitárselles o vídeo dispoñible nos Consellos Técnicos, facilitándolles que recorden o observado. 

       Se queres afondar no método científico, podes empregar estoutra estratexia metodolóxica:

      1. Detectando un problema (Observamos e preguntamos) Se unha pelota non se eleva espontaneamente, e o café non se escapa da taza mentres almorzamos... Como é posible que a auga saia do subsolo nas fontes? 
      2. Proposta de hipóteses. Realizade unha chuvia de ideas na clase, de forma ordenada e argumentada.
      3. Experimentación. Constrúe a fonte de Herón e comproba o seu funcionamento. Para isto, unha vez teñas a fonte, debes encher a botella do medio de auga, para o que podes desenroscar a tapa ou empregar a sistema de tubaxes de forma intelixente. Introduce auga no compartimento superior da fonte e observa o que acontece. Ten coidado! Non te poñas fronte á saída da fonte se non queres rematar mollado.
      4. Proposta de teorías. Propoñede diferentes teorías e tratade de validalas ou refutalas mediante a experimentación. 
      5. Aplica as leis da hidrostática e hidráulica para explicar o que está acontecendo, debatédeo na clase de xeito ordenado e argumentado.
      6. Transferencia tecnolóxica. Busca outras aplicacións para o aprendido durante a experiencia.

       

      A túa clase nun clic

      Implementa esta microsecuencia na túa aula Moodle (Descarga dispoñible en galego ou castelán).

      Imaxe
      4
      Imaxe
      cast