SOLARSAFE: Sistemas seguros de observación de eclipses (I)

 

Caixa estenopeica: Unha forma segura de ver a eclipse

 

Unha eclipse solar prodúcese cando a Lúa se coloca entre a Terra e o Sol e proxecta a súa sombra sobre a Terra. Durante ese tempo, o disco solar pode verse parcial ou totalmente oculto, dependendo da posición do observador. Falamos de eclipse total cando a Lúa cobre completamente o disco solar desde un determinado lugar da Terra.

O 12 de agosto de 2026 producirase unha eclipse solar total visible desde Galicia, unha oportunidade excepcional para observar un fenómeno astronómico moi pouco frecuente.

Porén, a súa observación require responsabilidade: mirar directamente ao Sol, mesmo durante poucos segundos, pode causar lesións graves e irreversibles na vista.

Se non dispoñemos de gafas homologadas nin filtros solares certificados, a forma segura de observación é indirecta, é dicir, vendo a imaxe do Sol proxectada sobre unha superficie, sen mirar ao Sol directamente.

 

Normas fundamentais de seguridade

  • Nunca mirar directamente ao Sol.
  • Non usar gafas de sol comúns.
  • Non usar radiografías, cristais afumados nin métodos caseiros perigosos.
  • Só observación indirecta ou con filtros homologados.

 

Reto:

  • Construír unha cámara estenopeica, un dispositivo de observación indirecta, que permita observar a eclipse de forma totalmente segura.

 

Imaxe
Eclipse IGN
Fonte: Instituto Geográfico Nacional de España (IGN), Eclipse total de Sol 12 de Agosto de 2026, https://www.ign.es CC-BY 4.0

Recursos de referencia para o reto:

 

Cesta de materiais

Preme nos puntos interactivos da imaxe.

Mans á obra

Paso 1

 

Empatizar

En parellas, comentade:

  • Por que a xente quere ver unha eclipse?

  • Que pode pasar se alguén mira ao Sol directamente?

  • Que faría unha familia se non consegue gafas especiais?

Para axudar: NASA – Eclipses (información xeral): https://ciencia.nasa.gov/eclipses/

Definir

Escribide o problema nunha frase.

Exemplo:
“Necesitamos unha forma de observar a eclipse sen mirar ao Sol e usando materiais sinxelos.”

Idear

Facede unha lista de posibles solucións de observación indirecta:

  • Caixa estenopeica (cámara escura)
  • Proxección con cartolina (agulleriño + pantalla)
  • Sombras con colador / follas

Escollede un prototipo principal (recomendación: caixa estenopeica).

 Paso 2

 

Prototipo principal: Caixa estenopeica

 

Preparar a caixa
  • Coller unha caixa de cartón limpa e baleira.
  • Se o interior é claro, forralo con cartulina negra ou pintalo de escuro.

Por que? A luz reflectida no interior reduce a nitidez da imaxe.

 

Paso 3

 

Facer o estenopo

 

Cun alfinete ou agulla, facer un burato moi pequeno e redondo no centro do papel de aluminio. Non facer varios buratos, só un. Importante: canto máis pequeno sexa o burato, máis nítida será a imaxe (pero máis escura).

 

Imaxe
Cámara estenopeica 3

 

Paso 4

Crear o burato do estenopo

Nun dos lados pequenos da caixa, recortar un cadrado duns 2 × 2 cm. Cubrir ese burato cun anaco de papel de aluminio ben estirado e fixalo con cinta adhesiva.

 

 

Imaxe
Cámara estenopeica 1

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Imaxe
Cámara estenopeica 2

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Paso 5

 

Colocar a pantalla de proxección

  • No lado interior oposto ao estenopo, pegar unha folla de papel branca. Esta folla será a pantalla onde se proxecta a imaxe do Sol.
Imaxe
Cámara estenopeica 4

 

  • Nun dos lados longos da caixa, facer unha pequena apertura. Servirá para mirar dentro da caixa sen que entre demasiada luz.

 

 

Paso 6

 

Como usar a caixa estenopeica

  • Poñerse de costas ao Sol.
  • Apuntar o estenopo cara ao Sol.
  • Mirar só a proxección na folla de papel, nunca ao Sol directamente.

Que se observa?

Un círculo luminoso (a imaxe do Sol). Durante a eclipse, verase como ese círculo cambia de forma.

 

Probas antes do día da eclipse (Testear)

Podemos simular a eclipse para comprobar o correcto funcionamento da nosa cámara estenopeica. Para iso:

  • Colocar un obxecto entre o Sol e o burato para simular a Lúa (pelota pequena, tapa de botella, bóla de papel, canica).
  • Mover o obxecto lentamente e observar como cambia a proxección.
Imaxe
Eclipse parcial 2
Eclipse parcial
Imaxe
Observación cámara estenopeica
Observación solar

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Paso 7

 

Mellorar

Escoller 1–2 melloras e repetir a proba:

  • Cambiar o tamaño do burato.
  • Aumentar a distancia burato–pantalla (se a caixa o permite).
  • Selar entradas de luz con cinta adhesiva.
  • Escurecer mellor o interior.
  • Engadir un soporte para estabilidade.

Rexistro (Caderno de laboratorio)

Anotar:

  • Que prototipo fixeches?
  • Que se ve (debuxo da proxección)?
  • Que mellora aplicaches?
  • Mellorouse ou empeorouse? Por que?
  • Comparar varias caixas.

 

 

Tips docentes

Os tips do profesorado son pequenas axudas para desenvolver a estratexia educativa de forma adecuada.

 

 

  1. Cuestións guía para o profesorado
  • Antes de comezar 
    • Que cren os alumnos que ocorre cando miramos ao Sol?
    • Pensan que “ver” sempre significa mirar directamente?
    • Coñecen exemplos de observación indirecta na vida diaria?

Suxestión: non corrixir de inmediato as ideas erróneas; anotalas para volver a elas tras a experimentación.

  • Durante a construción do prototipo
    • Por que cremos que o interior debe ser escuro?
    • Que pasará se facemos o burato máis grande?
    • Que relación hai entre a distancia e o tamaño da imaxe proxectada?

Suxestión: formular preguntas abertas mentres constrúen, non só ao final. A ciencia aparece no proceso, non só no resultado.

  • Durante a observación e o testeo
    • A imaxe vese igual en todas as caixas?
    • Que diferenzas observamos entre grupos?
    • O erro é un problema ou unha pista?

Suxestión: valorar os fallos como datos experimentais. Substituír “está mal feito” por “que nos está dicindo isto?”.

  • Despois da actividade
    • Que aprendemos sobre a luz?
    • En que situacións reais sería importante observar indirectamente?
    • Que cambiaríamos se o fixeramos outra vez?
  1. Estratexias para faciliatar o desenvolvemento na aula

  • Organización do traballo
    • Traballar en parellas ou tríos con roles rotatorios: construtor/a, observador/a e rexistrador/a (caderno). Isto favorece a competencia persoal e social e evita que unha persoa asuma todo o traballo.
  • Xestión do tempo
    • Non buscar a perfección no primeiro intento. Reservar tempo explícito para probar, equivocarse e mellorar. A iteración forma parte do reto.
  • Linguaxe científica progresiva
    • Comezar con termos cotiáns (burato, sombra, círculo) e introducir progresivamente vocabulario científico como estenopo, proxección, imaxe invertida e observación indirecta. É recomendable deixar que o alumnado descubra a necesidade do vocabulario.
  1. Dificultades habituais 

  • Cando a imaxe non se ve, analizar entradas de luz ou tamaño do burato.
  • Cando a imaxe aparece borrosa, traballar a relación entre precisión e tamaño.
  • Se o alumnado tenta mirar ao Sol, reforzar a cultura de seguridade científica.
  • As diferenzas entre grupos permiten introducir a variabilidade experimental.
 
Explicación científica

A caixa estenopeica funciona porque a luz se propaga en liña recta. O pequeno burato (estenopo) deixa pasar unha cantidade limitada de raios procedentes de cada punto do obxecto; ao atravesalo, estes raios proxéctanse no interior da caixa e forman unha imaxe invertida.

A nitidez da imaxe depende do tamaño do estenopo: canto máis pequeno, máis definida será, aínda que tamén máis escura, cun límite marcado polo fenómeno da difracción.

 

A túa clase nun clic

Implementa esta microsecuencia na túa aula Moodle (Descarga dispoñible en galego ou castelán).

Imaxe
4

 

 

Imaxe
cast