Creagal
O equipo cREAgal continuou co seu labor de difusión participando na V edición de FormaMOS, a Mostra de Educación e Formación do Concello de Mos, celebrada os días 9 e 10 de abril de 2026.
Este evento, que se consolida como un punto de encontro clave para a comunidade educativa, reuniu a numerosos centros, entidades e iniciativas arredor da orientación académica e profesional, cunha destacada presenza de propostas vinculadas á educación dixital e emocional.
Neste contexto, cREAgal deu a coñecer os seus recursos educativos abertos, espertando o interese das persoas asistentes. Xunto coa presentación dos materiais, amosáronse tamén exemplos reais de produtos desenvolvidos nas situacións de aprendizaxe do proxecto, o que permitiu visualizar a súa aplicación práctica nas aulas.

Entre as propostas presentadas, destacaron o xadrez vinculado ao REA de Tecnoloxía e Dixitalización "La tecnología da mucho juego", as pezas téxtiles creadas no REA de Matemáticas de 2º de ESO "ReMates e ReTales" e unha experiencia con lévedos pertencente ao REA de Ciencias da Natureza de 5º de Educación Primaria "A natureza en xogo".
Así mesmo, o espazo de cREAgal ofreceu a posibilidade de percorrer as diferentes situacións de aprendizaxe dos recursos e consultar as súas guías didácticas, nas que se detallan orientacións para a súa posta en práctica e a súa relación co currículo.
