Todo sobre eXeLearning

<

 

exe + creagal

 

eXeLearning é un programa gratuíto de software libre (open source) que permite a creación e modificación de contidos dixitais interactivos dunha maneira sinxela. Facilita a incorporación de gran variedade de contidos (textos, imaxes, vídeos, obxectos dixitais...) e de actividades interactivas, proporcionando un aspecto final de calidade. É multiplataforma e compatible con outras ferramentas dixitais, e facilita a exportación en distintos formatos (HTML, SCORM, EPUB...).

Ademais da versión 2.9 de escritorio, eXe dispón dunha versión en liña, implementada en tódalas aulas virtuais (Moodle) dous centros educativos galegos. A versión en liña actual ofrece practicamente as mesmas funcionalidades que a ferramenta de escritorio. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP tamén colabora, co CEDEC e outras comunidades autónomas, no desenvolvemento evolutivo da aplicación de software libre eXeLearning como ferramenta para a creación de recursos dixitais educativos abertos. Unha das claves dos REA é a posibilidade de adaptalos e modificalos, o cal non só implica publicar os recursos cunha licenza aberta que permita estas accións, senón tamén que estes poidan ser editados cunha ferramenta igualmente aberta, gratuíta e dispoñible para todas as persoas usuarias.

Para máis información, visita a web de eXeLearning. Tamén se pode acudir á sección de Preguntas frecuentes ou á comunidade de usuarios en Telegram.

Se queres profundar no manexo da ferramenta, tes a disposición o curso Formación en eXeLearning para o proxecto cREAgal así como o manual de eXeLearning publicado polo CEDEC.

creagal_10_RAZONS

CEDEC. 10 razóns para usar eXeLearning na creación de recursos educativos. C BY-SA

 

 

10 razóns para usar eXeLearning na creación de recursos educativos

eXeLearning é un proxecto de software libre que está coordinado e impulsado pola Administración, o que supón un forte respaldo á ferramenta.

É unha ferramenta libre, gratuíta e de código aberto, polo que calquera persoa usuaria pode utilizala, estudala e modificar o seu código, e mesmo facer achegas ao seu desenvolvemento. eXeLearning permíteche crear materiais e mantelos no teu poder, independentemente de que decidas publicalos nunha ou outra plataforma en liña. Nalgunha ocasión todos perdemos materiais creados con distintas ferramentas en liña que desapareceron por distintas cuestións, e xunto a elas, o noso traballo. Mais con eXeLearning poderás subir os contidos á Rede pero manterás o orixinal no teu poder, para podelo difundir e publicar onde e cando queiras.

  • Ao ser multiplataforma, podes traballar en calquera sistema operativo e os contidos xerados veranse correctamente en calquera dispositivo (ordenador de sobremesa, portátil, tableta ou móbil), xa que os materiais creados con eXeLearning son de deseño "responsive".
  • Pódense incorporar distintos tipos de contidos de forma fácil: imaxes, vídeos, audios e mesmo materiais creados con outras aplicacións(Geogebra, H5P, Genially…). Ademais, presenta unha ampla variedade de actividades interactivas. Tamén podes elixir o estilo con que se presentan os materiais ou crear o teu propio deseño dunha maneira realmente sinxela, e incluír facilmente efectos atractivos como acordeóns ou lapelas.
  • eXeLearning facilita a creación de contidos accesibles, permitindo seleccionar o formato adecuado (distintos niveis de encabezados, listas, citas, definicións…) así como a inserción de información sobre os contidos (pés de foto, recoñecementos de autoría, licenzas, títulos de ligazóns etc.).
  • Podes exportar os contidos en diferentes formatos estándar como HTML, EPUB3 ou XLIFF (utilizado para facer traducións), así como nos estándares educativos SCORM ou IMS para traballar con plataformas como Moodle. Esta variedade de posibilidades de exportación permitirache gardar e visualizar o contido no teu computador ou nun pendrive, envialo por correo electrónico ou publicalo en liña en distintos espazos web, plataformas, LMS e repositorios.
  • Permite a incorporación de metadatos (nos estándares LOM, LOM-ES e Dublin Core) para catalogar os contidos e publicalos en repositorios de recursos educativos.
  • A activa comunidade de eXeLearning ofrece apoio e soporte aos usuarios, especialmente a través dos foros en exelearning.net, onde se resolven problemas rapidamente e se achegan suxestións. Tamén hai comunicación en redes sociais, como X e Telegram.
  • Grazas ás achegas, avisos de erros e suxestións dos usuarios, eXeLearning está en continua mellora, e incorpora periodicamente novos desenvolvementos, tanto propios como doutras institucións e persoas que voluntariamente colaboran co proxecto. O código fonte está dispoñible en GitHub, onde se se pode facer un seguimento da evolución do proxecto.

 

Traducido e adaptado de VV.AA. eXeLearning 2.9. Tutorial - Manual . CC BY-SA