Creagal
cREAgal é un proxecto desenvolvido baixo a responsabilidade da Dirección Xeral de Innovación e Ordenación Educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. O proxecto ten como obxectivo a elaboración de recursos educativos gratuítos abertos adaptados aos currículos galegos, flexibles e inclusivos, que poden empregarse voluntariamente nas aulas dixitais de todos os centros de Educación Primaria e ESO. Todos estes recursos atópanse publicados en https://espazoabalar.edu.xunta.gal/creagal.

A Xunta comezou a traballar neste proxecto no ano 2023 co deseño das bases pedagóxicas e organizativas e a elaboración dos primeiros recursos educativos abertos (REA) piloto. Ao longo do curso 2023-24 incorporánronse ao repositorio materiais para 5º de Primaria e 1º da ESO. Os contidos iranse implementando paulatinamente ata 4º curso de ESO tendo en conta que os dous últimos cursos de Primaria e a etapa de Secundaria é cando o alumnado galego comeza a empregar recursos didácticos dixitais con carácter xeral. Os materiais poranse a disposición dos centros educativos para o seu uso voluntario e responden á mellora dos contidos dixitais solicitada pola comunidade escolar.
Os recursos cREAgal son REA elaborados por profesorado galego empregando a ferramenta eXeLearning. Poden utilizarse, modificarse e difundirse libremente, coa única condición de respectar a licenza aberta (CC BY-NC-SA) que teñen. Así, poden adaptarse ao contexto de cada aula, alumno e centro, o que os fai universais e personalizables. Cada docente pode editalos e modificalos empregando eXeLearning, ferramenta integrada nas aulas virtuais dos centros galegos. Así mesmo, conteñen materiais descargables para o alumando co posibilidade de usárense sen conexión ou sen dispositivos dixitais.

O proxecto incide na inclusión, de modo que todos os recursos son accesibles e pensados para adaptalos á atención á diversidade. Todos os recursos están baseados no deseño universal para a aprendizaxe (DUA), empregando metodoloxías activas orientadas a que o alumnado galego acade as competencias clave, co obxectivo de facilitar o labor docente cun enfoque híbrido e universal.
Os recursos educativos abertos (REA) do proxecto cREAgal desenvolven integramente os currículos de cada materia e baséanse en situacións de aprendizaxe nas que se propón un reto que o alumno debe acadar a través do desenvolvemento de actividades específicas. No repositorio de contidos atópanse os recursos para o alumnado e as correspondentes guías didácticas para o profesorado, onde se explica como aplicalos na aula e a súa relación coa programación de exemplo de PROENS.
O proxecto supón un chanzo máis na calidade e a equidade do sistema, tanto pola súa aposta pola personalización e inclusión como polo impulso á aprendizaxe colaborativa do alumnado, con actividades grupais. Así mesmo, promove a autonomía persoal do alumnado e reforza a competencia de aprender a aprender, cun diario no que a alumna ou o alumno reflexiona acerca das dificultades atopadas e saca conclusións útiles para seguir.
Edita: Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela.