Creagal
O proxecto cREAgal volveu estar presente nun encontro educativo, neste caso de referencia estatal, as XXII JAEM (Xornadas para a Aprendizaxe e o Ensino das Matemáticas), celebradas do 1 ao 4 de xullo de 2026 no Campus das Lagunillas da Universidade de Jaén. Este foro, o máis relevante en España en torno á didáctica e divulgación matemática, serviu de escaparate para amosar o impacto e a evolución do proxecto.
No marco destas xornadas, presentáronse as principais características dos recursos de cREAgal, facendo un especial fincapé no deseño e desenvolvemento dos REA (Recursos Educativos Abertos) específicos para a área de Matemáticas. Durante a intervención, amosáronse os REA de matemáticas de 3º da ESO, o proceso para o deseño destas situacións de aprendizaxe e a metodoloxía empregada para a súa elaboración.

A presentación resultou un éxito de convocatoria, logrando atraer a un numeroso público de docentes de diferentes comunidades autónomas que encheron o espazo dispoñible. O gran interese espertado e o fío de debate posterior confirmaron o valor de cREAgal como unha ferramenta clave e inspiradora para a transformación metodolóxica no ensino das matemáticas.
