Abalinux 12: nova versión da Maqueta Abalar Libre
Dispoñible Abalinux 12, a nova versión da Maqueta Abalar Libre.

Unha nova versión que mellora a estabilidade, rendemento e experiencia de uso. Novas ferramentas que reforzan a xestión, seguridade e versatilidade no ámbito educativo.

A comunidade educativa galega xa dispón de Abalinux 12, a nova versión da maqueta Abalar Libre, que representa un avance na modernización dos recursos informáticos dos centros educativos ao incorporar melloras significativas en estabilidade, compatibilidade e experiencia de uso.

Entre as principais novidades que incorpora Abalinux 12 destacan:

  • Sistema operativo baseado en Debian 12 Bookworm, achegando maior estabilidade e un ecosistema de software actualizado.
  • Incorpórase un Kernel Linux 6.12, que mellora o rendemento e a compatibilidade cos dispositivos dispoñibles nos centros educativos.
  • Escritorio KDE Plasma 5.27.5, substituíndo ao XFCE4 presente en Abalinux 11, ofrecendo unha interface máis moderna, visual e accesible para alumnado e profesorado.
  • Novo instalador 'Calamares', que simplifica os procesos de instalación e configuración inicial, especialmente relevantes en despregamentos masivos.
  • Actualízanse os paquetes de firmware desde os backports de Debian, o que amplía compatibilidades e garante unha maior estabilidade xeral.
  • Engádese a posibilidade de instalar a ferramenta de Navegación Segura sen recorrer a scripts adicionais, facilitando unha configuración con maior seguridade no contexto educativo.
  • Actívase a funcionalidade de notas adhesivas nativa de KDE Plasma, que permite organizar tarefas e anotacións dun modo sinxelo e visual.
  • Inclúese o novo aplicativo 'Conxelar o usuario', que devolve a sesión ao seu estado orixinal, garantindo contornas limpas en cada uso.
  • Con Draw.io integrado, pódense elaborar diagramas, mapas mentais e esquemas, reemplazando diversas aplicacións previas cunha solución máis versátil.

Deste xeito, Abalinux 12 reafírmase como unha peza clave no sistema dixital educativo galego, ao proporcionar unha solución sólida, actualizada e aliñada coas demandas actuais do ensino.

A nova versión xa está dispoñible para a súa descarga a través do portal espazoAbalar:

Imaxe
Abalinux12