Ágora dixital
Detectives do Sol: Observar a eclipse de xeito seguro e sinxelo
Unha eclipse solar prodúcese cando a Lúa se coloca entre a Terra e o Sol e proxecta a súa sombra sobre a Terra. Durante ese tempo, o disco solar pode verse parcial ou totalmente oculto, dependendo da posición do observador. Falamos de eclipse total cando a Lúa cobre completamente o disco solar desde un determinado lugar da Terra.
12 de agosto de 2026 producirase unha eclipse solar total visible desde Galicia, unha oportunidade excepcional para observar un fenómeno astronómico moi pouco frecuente.
Porén, a súa observación require responsabilidade: mirar directamente ao Sol, mesmo durante poucos segundos, pode causar lesións graves e irreversibles na vista.
Se non dispoñemos de gafas homologadas nin filtros solares certificados, a forma segura de observación é indirecta, é dicir, vendo a imaxe do Sol proxectada sobre unha superficie, sen mirar ao Sol directamente.
Normas fundamentais de seguridade
- Nunca mirar directamente ao Sol.
- Non usar gafas de sol comúns.
- Non usar radiografías, cristais afumados nin métodos caseiros perigosos.
- Só observación indirecta ou con filtros homologados.
Reto:
- Localizar o Sol sen miralo
- Crear unha proxección segura
- Explicar por que funciona

Recursos de referencia para o reto:
- NASA (seguridade e métodos)
- Exploratorium (proxección estenopeica)
- Instituto Xeográfico Nacional IGN (eclipse 12/08/2026)
- Exploratorium (proxección estenopeica)
Cesta de materiais
Preme nos puntos interactivos da imaxe.
Mans á obra
- Paso 1
-
Observa o problema (sen mirar ao Sol)
- Saíde ao patio ou asomádevos a unha zona iluminada. Mirade o chan e buscade sombras.
-
Pregunta clave:
- Como podo saber onde está o Sol sen miralo? Escribe unha frase coa túa idea inicial.
- Paso 2
-
Lanza a túa hipótese
Completa unha destas frases:
- "Creo que o Sol está nesa dirección porque…”
- “Se poño un obxecto vertical, entón a sombra…”
- “Se fago un burato pequeno, entón verei…”
- Paso 3
-
Constrúe un detector simple (coa sombra)
Coloca un lapis ou regra “de pé” (vertical) sobre o chan. Marca cunha tiza ou cun papel onde cae a sombra.
Conclusión rápida: a sombra apunta na dirección contraria ao Sol.
Observa:
- A sombra é longa ou curta?
- Cara a onde apunta?
- Paso 4
-
Constrúe o teu “Punto de Sol” (proxección segura)
- Recorta un cadrado de cartón (20x20 cm aprox.).
- Fai un burato moi pequeno no centro (cunha agulla).
- Coloca outra folla branca detrás como pantalla.
- Apunta o cartón cara ao Sol sen miralo: move o cartón ata que na pantalla apareza un puntiño brillante. Ese puntiño é unha imaxe do Sol proxectada.
Imaxe
- Paso 5
-
Axusta e mellora
Proba cambios e compara:
- Que pasa se o burato é máis grande?
- Que pasa se afastas máis a pantalla?
- Que ocorre se inclinas o cartón?
Rexistra que versión se ve mellor e por que.
- Paso 6
-
Explica os teus resultados
En grupo, preparade unha mini explicación:
- Como atopaches o Sol sen miralo?
- Que método foi máis preciso?
- Por que aparece un círculo de luz?
Podes presentalo como: debuxo con frechas e etiquetas, mini informe (5 liñas) ou foto con anotacións.
- Paso 7
-
Probas antes do día do eclipse (Testear)
- Colocar un obxecto entre o Sol e o burato para simular a Lúa (pelota pequena, tapa de botella, bóla de papel, canica).
- Mover o obxecto lentamente e observar como cambia a proxección.
-
Tips docentes
Os tips do profesorado son pequenas axudas para desenvolver a estratexia educativa de forma adecuada.
Hipóteses suxeridas ao alumnado
- “Se a sombra apunta cara alí, entón o Sol está na dirección contraria.
- “Se fago un burato pequeno, poderei proxectar a luz do Sol nunha pantalla.”
- “Canto máis lonxe estea a pantalla, máis grande se verá o punto de luz, pero menos brillante.”
- “Se o burato é demasiado grande, a imaxe verase borrosa.”
Cuestións guía posibles
- Por que non é seguro mirar ao Sol?
- Que relación hai entre a dirección da luz e a dirección da sombra?
- Por que o punto proxectado é redondo aínda que o burato non o sexa?
- Que mellora máis a imaxe: distancia, tamaño do burato ou estabilidade?
- Que diferenza hai entre mancha de luz e imaxe proxectada?
Estratexias para rexistrar o proceso
Táboa de observación rápida:
- Proba
- Tamaño do burato
- Distancia pantalla
- Vese o Sol?
- Nitidez (1-5)
Diario científico breve (3 momentos):
Antes pensaba… / Probei… / Agora creo…
Evidencias visuais:
Foto da montaxe + foto da proxección + esquema con frechas
Futuros experimentos ou investigacións
- Construír unha cámara escura cunha caixa de zapatos.
- Medir como cambia o tamaño aparente do Sol proxectado ao variar a distancia.
- Relacionar o experimento con:
- eclipses solares
- fases da Lúa (diferenza entre fase e eclipse)
- seguridade científica e bulos (“mirar con radiografías”, etc.)
Deseñar un protocolo de observación segura para o centro escolar.
Explicación científica
- A luz do Sol viaxa en liña recta.
- Un burato moi pequeno actúa como un “selector” de raios: só deixa pasar unha parte estreita do feixe de luz.
- Esa luz forma na pantalla unha imaxe do disco solar (non é só un reflexo).
- Se o burato é grande, entran moitos raios desde diferentes puntos e a imaxe vólvese borrosa.
- A sombra aparece porque un obxecto bloquea a luz: por iso a súa dirección indica de onde vén a iluminación (e, polo tanto, onde está o Sol en sentido contrario).
A túa clase nun clic
Implementa esta microsecuencia na túa aula Moodle (Descarga dispoñible en galego ou castelán).
|
Imaxe
![]()
|
Imaxe
![]()
|

