Volcán de escuma.
Competencias
Estratexias

 

É posible ver e atrapar o Dióxido de Carbono (CO2)?

Nesta experiencia empregaremos a clara dos ovos para atrapar o gas que se produce da reacción química entre o vinagre e o bicarbonato. A textura de xel da clara de ovo permitiranos observar como o dióxido de carbono vai creando pequenas burbullas que van subindo polo recipiente no que se atopan, simulando un volcán de escuma.

Imaxe
M75 Imaxe01
 Dióxido de carbono atrapado entre a clara de ovo. (CC-BY-SA)

 

Cesta de materiais

Preme nos puntos interactivos da imaxe.

Mans á obra

Paso 1
  • Collemos os ovos e colocamos o dous recipientes á nosa beira para separar, coidadosamente, as claras das xemas.
  • Nun recipiente depositamos as claras e noutro as xemas.
  • Apartamos as xemas porque non nos van facer falta.
     Paso 2
    • No recipiente onde están as claras engadimos unhas gotas de colorante e as dúas culleradas de bicarbonato.
    • Mesturamos enerxicamente, ata que o colorante quede ben integrado coas claras.
    • Observamos como a clara de ovo comeza a facer algo de escuma.
    Imaxe
    M75 Imaxe02
    Imaxe propia. Mestura da clara de ovo co bicarbonato e o colorante. (CCO).
      Paso 3
      • Antes de engadir o vinagre facemos hipóteses sobre o que vai ocorrer.
        Paso 4
        • Engadimos o vinagre e centramos a atención na reacción que comeza.
        • O vinagre ao entrar en contacto co bicarbonato, xera dióxido de carbono que queda atrapado na clara de ovo, e comeza a subir polo recipiente, a modo de volcán.
        Imaxe
        M75 Imaxe03
        Imaxe propia. Momento no que comeza a inchar a clara de ovo. (CCO)
        Paso 5
        • Observamos como vai medrando a escuma, e as burbullas de dióxido de carbono que están atrapadas na clara de ovo.
          Imaxe
          M75 Imaxe04
          Imaxe propia. Clara de ovo retendo todo o gas. (CCO).

         

        Tips docentes

        Os tips do profesorado son pequenas axudas para desenvolver a estratexia educativa de forma adecuada.

        Con respecto aos materiais:

         Nos materiais recomendamos empregar as claras de dous ovos, polo tipo de recipiente que escollemos para realizar o experimento, pero non sería necesario. Podería usarse un só, ou incluso a clara de ovo que venden nalgún supermercado.

         Pódese empregar un vaso de tubo para observar a forza coa que sube a escuma polo vaso.

         Os colorantes empregados neste experimento foron en xel, pero tamén valen os líquidos, que se compran en supermercados. Non teñen outra función máis que darlle cor á mestura, e que os cativos poidan percibir visualmente mellor as burbullas de dióxido de carbono.

        Orientacións metodolóxicas.

         No momento que se separe a clara da xema, é importante evitar que rompa a xema e se mesture coa clara. Podemos aproveitar este momento para centrar a atención do alumnado nas partes do ovo, facéndolle as seguintes preguntas:

        • De que cor é a clara? De que cor é a xema?
        • Cocestes algunha vez un ovo? De que cor se pon cada parte? Teñen a mesma textura unha vez cocidos?
        • A clara e a xema teñen a mesma textura? Cal é a parte que ten textura de xel?
        • Credes que o ovo contén auga? En que parte credes que a contén?...
        • Que credes que pasa si batemos a clara de ovo? Pasa o mesmo si batemos a xema?

         Antes de comezar o experimento, sería interesante que os pequenos puideran tocar por separado as diferentes partes do ovo, para notar as texturas.

         No paso 2, cando comezamos a bater a clara do ovo para mesturala co bicarbonato e o colorante, centramos a atención do alumnado en que observe que lle vai pasando á clara, e podemos volver preguntarlles porqué se van facendo burbulliñas. 

         No último paso, momento de engadir o vinagre, para centrar a atención do alumnado na reacción que vai ocorrer, facemos unha síntese dos pasos que levamos feito e os ingredientes que engadimos no vaso ou recipiente. Volvemos provocar a creación de hipóteses a través de preguntas:

        • Houbo algunha modificación da clara de ovo ao mesturala co bicarbonato?
        • Que credes que vai ocorrer ao engadir o vinagre?...

         Engadimos o vinagre e permitiremos ao alumnado observar con atención, describir o que están a observar. Explicaremos o que ocorre e pedirémoslle que expresen coas súas palabras o que acaba de suceder. Que sexan eles os que verbalicen a reacción que acaban de presenciar permítenos aos docentes comprobar, que, e como o entenderon, e axúdalles a eles a adquirir os coñecementos que nós pretendemos que adquiran.

         Este experimento pódese realizar de forma individual por cada alumno, ou en grupo. Facelo individualmente tamén lle da a oportunidade de comparar reaccións diferentes.

        Imaxe
        M75 Imaxe05

        Imaxe propia. Momento da reacción química e no que poden comparar entre eles. (CCO)

        A túa clase nun clic

        Implementa esta microsecuencia na túa aula Moodle (Descarga dispoñible en galego ou castelán).

        Imaxe
        4
        Imaxe
        cast