Espazos
Concienciación en ciberseguridade sobre facturas fraudulentas
Cada vez é máis frecuente o intento de ciberestafa mediante a remisión de facturas fraudulentas achegadas dende servizos corporativos como o correo electrónico. A continuación indícanse unha serie de consellos prácticos para evitar ser vítimas de ciberestafas deste tipo:
- Non realizar ningunha transferencia bancaria sen comprobar a lexitimidade e autenticidade da factura. Estas solicitudes adoitan ser moi convincentes, desconfíe xa que poden estar suplantando a identidade dunha entidade ou persoa lexítimas, e achegar información precisa obtida de xeito fraudulento. É necesario revisar ben o NIF, concepto, importe, número de conta, etc.
- Permanecer especialmente alerta das solicitudes de cambio dun número de conta bancaria. No caso de recibir unha solicitude deste tipo, contrastar a súa veracidade por outras canles como pode ser o teléfono. É importante realizar a chamada a un número de teléfono oficial da entidade fornecedora, e non a calquera outro proporcionado por outras vías.
- É importante desconfiar ante supostas urxencias ou alusións a que se seguen indicacións de determinados cargos, mesmo se se reciben desde entidades ou persoas de confianza xa que estas poden estar a ser suplantadas. Se ten a máis mínima dúbida da veracidade dunha comunicación, contactar por outro medio co remitente e confirmar que realmente se enviou esa mensaxe.
- Permanecer alerta dos intentos para conseguir información sobre facturas. Os ciberdelincuentes adoitan utilizar distintos mecanismos como o de solicitar o envío dunha factura “para ser revisada” previamente á súa tramitación.
- No caso de recibir unha factura duplicada, contactar inmediatamente coa entidade fornecedora.
- Ante calquera dúbida sobre a lexitimidade e autenticidade da factura, poñelo en coñecemento da UAC a efectos da notificación do intento de ciberestafa.