Creagal
O proxecto cREAgal volveu estar presente nun encontro educativo dedicado á innovación e á divulgación científica coa súa participación na I Xornada de Redes de Clubs de Ciencia, celebrada o martes 19 de maio de 2026 na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela.
No marco desta xornada, o equipo cREAgal impartiu a charla “cREAgal no Club de Ciencia”, na que se presentaron as principais características dos recursos e unha mostra de REA e situacións de aprendizaxe desenvolvidas para materias do ámbito científico-tecnolóxico.
Durante a intervención déronse a coñecer propostas didácticas baseadas no traballo cooperativo e na aprendizaxe competencial, como a creación dunha maqueta dun parque de atraccións por equipos, o deseño dunha maqueta que incorporase un xerador de electricidade alimentado con enerxías renovables e un circuíto orientado á sostibilidade, ou a elaboración dun problema detectivesco no que as pistas se presentaban mediante elementos audiovisuais e requirían a aplicación de ferramentas alxébricas para a súa resolución.

Entre as experiencias expostas destacouse tamén a situación de aprendizaxe “Fermentos: bioloxía ou química?”, unha proposta experimental na que o alumnado investiga por que é necesario deixar repousar a masa do pan antes de introducila no forno. A actividade permite comprender o papel do lévedo como fermento capaz de liberar dióxido de carbono (CO₂), xerando pequenas burbullas que fan medrar a masa e contribúen a que o pan quede máis tenro e lixeiro.
A excelente acollida do proxecto por parte do público asistente continuou sendo unha constante neste tipo de eventos. Nesta ocasión amosáronse exemplos reais de produtos finais elaborados a partir das situacións de aprendizaxe de cREAgal: creacións do alumnado, como o xadrez desenvolvido a partir do REA de Tecnoloxía e Dixitalización “La tecnología da mucho juego”, prendas confeccionadas no REA de Matemáticas de 2º da ESO “ReMates e ReTales” e diversas experiencias científicas vinculadas aos REA de ciencias do proxecto.
