ABALINUX 11. Nova versión da maqueta Abalar libre.

ABALINUX 11, unha nova versión da coñecida "maqueta Abalar libre" xa está publicada e dispoñible para a súa descarga.

Esta nova versión incorpora, entre outras novidades, unha nova versión do escritorio XFCE4 que se inclúe como escritorio único, soporte sen drivers tanto para imprimir con CUPS como escanear con SANE, conexión por rede para impresoras que implementen ipp-usb que poderán funcionar sen necesidade de drivers e diversas melloras no soporte dos equipos e do hardware máis actual.

Espazo de ABALINUX  11:
https://espazoabalar.edu.xunta.gal/maqueta-abalar-libre

 

O software libre na educación

O uso do software libre na educación posibilita que tanto o profesorado como o alumnado poidan dispoñer libremente en calquera equipo dos seus domicilios do mesmo software co que traballan no seu centro educativo, xa que o software libre permite copiarse e distribuírse libremente.

O software libre está baseado en estándares internacionais abertos e libres, polo que ensinar con software libre implica ensinar e aprender a usar a tecnoloxía e non un produto concreto dunha determinada marca.

A liberdade de uso do software libre permítenos cambiar de software en calquera momento e tantas veces como sexa necesario sen que isto represente necesariamente ningún desembolso económico. Neste sentido, o uso de software libre tamén crea usuarios e profesionais independentes dun determinado entorno de software.

O software libre permite entender o seu funcionamento, modificalo, melloralo e adaptalo ás nosas necesidades.