A Xunta pon en marcha a aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos desde o móbil

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pon en marcha a aplicación abalarMóbil, que permitirá ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles.

A aplicación foi presentada esta mañá polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, onde hai tres anos arrancaba o Proxecto Abalar. Ao acto asistiron ademais o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; a directora do centro, María Soledad do Muíño; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e o xefe de departamento da Área de Solucións Tecnolóxicas da Amtega, Ramiro Vázquez.

Segundo explicaron os responsables autonómicos, a entrada en funcionamento desta ferramenta é un paso máis na evolución do Proxecto Abalar. Unha iniciativa, que ademais de garantir a dotación e o mantemento da infraestrutura TIC en todos os centros educativos, busca a participación de toda a comunidade educativa, facilitando ao profesorado, as familias e ao resto da comunidade educativa contidos e recursos educativos dixitais no espazoAbalar. A través desta web, que suma máis de 2 millóns de visitas desde 2010, pais, nais, alumnos e profesores teñen un punto de encontro e consulta na rede.

A implantación da aplicación arranca nunha primeira fase en once centros educativos das catro provincias galegas, o que implica a máis de 4.500 familias. O alcance da aplicación ampliarase paulatinamente ao resto dos centros educativos ata beneficiar a preto de 400.000 familias galegas. En concreto os centros que iniciarán a experiencia son o CEIP Fogar e IES Alfredo Brañas de Carballo, CEIP Ana Mª Diéguez e IES Feliz Muriel de Rianxo, IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, CEP Santa Rita de Viveiro, IES Río Cabe de Monforte, CPI Tomás de Lemos de Ribadavia, IES Blanco Amor de Ourense, CPI Panxón de Nigrán, e IES Sánchez Cantón de Pontevedra.

Acceso máis sinxelo
AbalarMobil traslada ás tablets e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar. A principal vantaxe da nova ferramenta é que simplifica o acceso a estas funcionalidades, xa que o único requirimento para acceder á información é descargar a aplicación. O acceso desde un ordenador precisa dispoñer dun certificado dixital ou do DNI electrónico, que verifique a identidade do usuario. Coa nova aplicación só é necesario dispor dun teléfono móbil con conexión de datos e descargar a aplicación para poder acceder aos servizos de abalarMóbil.

A Xunta pon en marcha a aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos desde o móbil